Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FESTIVAL DA DIGNA RABIA IV

Segunda parte dunha viaxe sen levantarme da cadeira

O director do colectivo galego Pallasos en Rebeldía e do Festiclown, Iván Prado, fainos chegar unha nova crónica desde Chiapas.

Iván Prado - 11:40 17/01/2009

Dedicado ás mulleres zapatistas de México, que baixo o meu prisma son as insurxentes, as violadas de Atenco, as presas de Oaxaca, as bases de apoio, as mulleres da rúa organizadas, as nenas Lupita e Toñita  e, por suposto, todas as  comandantes Hortensias do EZLN, entre outras…

Somos pueblo.

Diapositiva 5:
Dignidade sen fronteiras, din hoxe neste artefacto quixotesco chamado Festival Mundial de la Digna Rabia. Rabia creativa e rebelde que transforma a realidade nomeando o novo día. “Socialismo ou barbarie” é a consigna recuperada dos estantes da historia honrosa do socialismo europeo, frase espada ante o cinismo maquiavélico e monstruoso.

Descubrir o territorio para fundirnos nel, acubillar os corpos sociais NO TERRITORIO DE NOSO, para sobrevivir como especie con conciencia de seu, conciencia formulada quimericamente a través do concepto eterno de humanidade.

Ante a devastación kamikaze da globalización neoliberal, na súa capitalista debacle, temos a fermosa obriga de refundar a sociedade, temos a acuciante posibilidade de reconstruírmonos como seres humanos inseridos nunha realidade expandida. Reinventármonos como persoas plenas desde un espazo creativo, con materiais xenerosos e xustos, integrando cores de rebeldía radical sumando esforzos para atopar o pracer ecolóxico e “comunitarizante”.

Diapositiva 6:
Non estamos sós, senón acompañados polos mortos de Gaza, polas mulleres violadas en Atenco, polos nenos saharauís nados no vergonzoso exilio desértico. Estamos apoiados polos desaparecidos en Oaxaca e os torturados en Guantánamo, polos mártires das favelas e os pobos indios sen terra, polos nenos iraquís “salvados” con mísiles intelixentes e polos despedidos a modo de danos colaterais desta crise estrutural do capitalismo.

Estamos e somos mortos e vivos, apaleados e vitoriosos, violadas e armadas, perdidas e encontradas, pero nunca soas, sobre todo hoxe que camiñan con nós cheos de rabia digna  a xuventude grega en pé, a autonomía rebelde da cor da terra, a creatividade antagonista en francés, a fortaleza das mulleres que transforman a agresión en valentía.

Aquí e agora, cuanticamente, nace un acompañamento sen cortapisas, sen contraprestacións sen condicións, un camiñar conxunto con silencios falados, con sinceridade armada, con senmedos artellados.

Diapositiva 7 e última:
Din as mulleres todas que se poden rachar os vidros das vítimas e mudalos en escaparate de activismo e tenro apoio mutuo.

Na mesa do EZLN xúnguense solidariamente comandantas políticas e “estripers” travestis, capitanas militares con profesionais do sexo cooperativizadas, nenas base de apoio con mulleres torturadas sexualmente nas cadeas mexicanas.

Esta nova internacional do apoio mutuo pare paradigmas radicais: ”A terra, as fabricas, a esquina e os orgasmos para quen os traballa”.

Hortensia, comandanta do comité clandestino revolucionario indíxena do EZLN, glosa as verdadeiras revolucións triunfantes do neozapatismo: O avance da muller indíxena grazas á organización zapatista: Mandos militares, documentalistas, xuntas do bo goberrno, coordinadoras de educación… En definitiva, que a revolta zapatista é un acto global de amor á humanidade: dar lugar a que a metade da poboación mundial ocupe o seu lugar na historia viva. É amor do de a verdade.

E de amor fala politicamente  a mesa do terceiro día do festival. Amor múltiple que fai que o camiñar das zapatistas revolucione o discurso feminista occidental. Ata as últimas suxeitas históricas se poñen á cabeza da experimentación política moderna cando cobren os rostros cun paliacate e o zapatismo prende no seu pensamento. Hoxe, neste centro de formación indíxena do Cideci, escoitamos a unha relevante representante do pensamento feminista recoñecer que no camiñar das indíxenas en resistencia aprendeu discurso e práctica revolucionaria máis radical e verdadeira do que nunca poder imaxinar.

Revolucionando a revolución, amando o amor, camiñando o camiño…

PD: estas 7 diapositivas son froito dun estado de trance producido polo festival da digna rabia na cidade de San Cristóbal de las Casas. Grazas ás mulleres e homes do Exército Zapatista de Liberación Nacional. Despois disto, nada será igual no mundo e menos na miña vida.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: