Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois da incautación de 4 toneladas de cocaína

Segundo detido na operación Tabaiba

Despois da detención dun veciño de Muxía vencellado ao chamado clan dos Lulús, a Policía informa doutra persoa apresada. O operativo segue aberto, polo que non se descartan novas detencións.

Redacción - 13:30 13/01/2009

O primeiro detido, A.G.G., é considerado como "un dos dirixentes" do clan dos 'Lulús' xunto con outros dous irmáns seus, os tres con antecedentes penais. Este home, nado en 1964, foi detido por primeira vez en 1993 a raíz de investigacións froito da Operación Nécora. Posteriormente foira arrestado e xulgado, xunto a tres funcionarios de Aduanas e un brigada da Guardia Civil, polo alixo de 3.000 quilos de haxix confiscado en novembro de 2001 preto da costa a bordo do veleiro 'Chad Band'.

No marco da mesma operación antidroga Tabaiba a través da cal esta semana foron incautadas case catro toneladas de cocaína na Costa da Morte, infórmase agora dunha segunda detención, malia que aínda non se facilitaron datos da persoa en cuestión. Os detidos son integrantes do que os investigadores consideran o grupo de descarga "máis activo da Costa da Morte".

Operativo iniciado o domingo
A Axencia Tributaria, en colaboración coa Policía, aprehendeu a fin de semana un alixo dunhas catro toneladas de cocaína procedente de Colombia que foi descargada na cala coruñesa de Arnela, na Costa da Morte, mentres que a planadora usada foi localizada queimada en Aguiño, no municipio de Ribeira.

A incautación foi realizada no marco dunha operación conxunta dos responsábeis do Servizo de Vixilancia Aduaneira e da Policía. O operativo iniciouse sobre as 5horas do domingo cando se detectou a unhas dez millas da Cala Armela, en Loureiro (Muxía), a presenza dunha embarcación semirríxida "de grande eslora e potencia". Os axentes interceptaron a lancha rápida de seis motores cando estaba a descargar a cocaína en terra firme. O grupo que a transportaba deuse á fuga, abandonou a mercadoría e queimou despois a lancha en Aguiño.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: