En 2005, unha asociación de Carballo enviou á Audiencia Nacional un documento con nomes de empresas da zona relacionadas co tráfico de drogas. Nunca tiveron resposta.
Quince folios onde se daban algunhas das claves do narcotráfico a mediana e gran escala na Costa da Morte. Iso é o que lle chegou, ou o que polo menos lle mandaron, ao xuíz Garzón en 2005. Fartos de ver caer centos de mozos de toda a zona, a asociación antidroga Vieiro de Carballo decidiu dar un paso á fronte. O colectivo puxo en negro sobre branco toda a información recadada durante anos.
O documento dirixido á Audiencia Nacional daba nomes de diferentes sociedades das comarcas de Fisterra, Soneira e Bergantiños que supostamente se encargan de branquexar as plusvalías millonarias que deixa o narcotráfico. No punto de mira estaban coñecidas empresas rexentadas por homes de palla dos narcos. Aínda que non de forma exclusiva, a construción, daquela nas súas horas máis altas, era un dos valores seguros. Pero no informe tamén se citaban episodios violentos. Malleiras e incluso algunhas mortes acaecidas tempo antes na Costa da Morte e que as forzas de seguridade nunca foron quen de aclarar completamente.
Case catro anos despois, os mesmos que se atreveron a desafiar os narcos locais e as súas conexións empresariais, seguen sen saber que foi daquel informe. “Non recibimos nin acuse de recibo”, comenta ao outro lado do teléfono o presidente de Vieiro, Xosé Manuel Vázquez. A asociación que preside é dende hai anos unha xostra na conciencia cidadán. Radicada en Carballo, a entidade leva axudado a centos de toxicómanos a saír do burato, mais tamén ten atacado onde máis doe: sinalando o peto do narcotráfico.
Un clan con monopolio
Os catro mil quilos de droga aprehendidos este domingo en Muxía, valorados en 120 millóns de euros, só confirman o que se sospeita dende hai ben anos: A Costa da Morte converteuse nunha das principais portas de entrada da cocaína. Tal e como xa informabamos en agosto de 2007, até a propia Fiscalía do TSXG reflectía este parágrafo nun seu informe: “Na provincia da Coruña, na Costa da Morte, radica un coñecido clan que é considerado un dos maiores traficantes de haxix en Galiza, xa que na zona non actúa ninguén que non teña o seu consentimento”.
Ese clan do que falaba o ministerio público non é outro que o coñecido como dos “Lulús”. Segundo a policía, un dos detidos na operación desta fin de semana está relacionado con esta coñecidísimo grupo de Muxía. De feito, algúns dos seus membros xa estiveron procesados penalmente por tráfico de droga a gran escala.
Ese mesmo clan ao que se refería o ministerio público vén sendo o mesmo que agora está baixo os focos por estar detrás do alixo de cocaína: os “Lulús”. A Garda Civil relaciona un dos detidos esta fin de semana con este grupo.
O rastro da cocaína: entre a hostalaría e a política
Unha das polémicas urbanísticas máis importantes que se lembran na Costa da Morte tivo como escenario Muxía e ao mesmo clan que agora a policía relaciona co último alixo de cocaína. Sen licenza urbanística, seguían adiante as obras dun pomposo establecemento hostaleiro. O restaurante estaba a nome da muller dun membro dos “Lulús”, daquela na cadea por outro asunto de drogas.
A asociación Vieiro, canda outros colectivos antidroga, puxo o berro no ceo cando o pleno de Muxía, co voto de concelleiros conservadores e socialistas, modificaba as normas de planeamento para darlle garantías legais a unha obra ilegal. Os veciños do lugar tamén presentaron denuncias contra o daquela alcalde, Alberto Blanco (PPdeG), ao que acusaban de empregar diferentes varas de medir.
Sexa como for, logo de toda a polémica, o restaurante consolidouse como un dos de referencia na zona. Moitos políticos da comarca convertéronse en clientes habituais. Sonada foi a voda dun concelleiro muxián en 2005 á que acudiu todo o goberno local a pesar das críticas dos colectivos de axuda a toxicómanos. A retranca da vida quixo que o complexo, rexentado por unha familia acusada de delitos contra a saúde pública, albergue agora reunións de sociedades médicas.