Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise e desemprego

Fin ao soño galego para o albanel portugués

Dous terzos dos operarios de Portugal que estaban a traballar na construción en Galiza xa mudaron o noso país por Francia, Suíza e Italia.

Redacción - 11:55 12/01/2009

"A Galiza está a deixar de ser o mercado preferencial dos traballadores portugueses da construción civil". Albano Ribeiro, presidente do Sindicato da Construção Civil do Norte, confirma que a crise inmobiliaria e o aumento do desemprego no noso país acabaron por matar o soño galego para o albanel chegado dende Portugal.

Segundo informa a axencia de noticias Lusa, perto de dous terzos dos 30 mil operarios que chegaron a estar exercendo a súa profesión na Galiza mudaron o noso país por outros territorios da UE. "Unha gran parte xa foi para Francia (á rexión de Bordèu -Bordeos-, principalmente), mais hai quen foi para Suíza e Italia", sinala Ribeiro.

"Os bos operarios cualificados non veñen para Portugal gañar 530 euros, cando poden gañar 2.800 euros en Francia", salienta. Ademais, alerta de que a situación no noso país irá a peor nos meses vindeiros, estimando que moitos dos portugueses que aínda aquí permanecen van perder os seus postos de traballo, elevando paradoxalmente a taxa do paro galega.

Descenden os desprazamentos dende Portugal
No entanto, aínda que hai poboacións miñotas das que diariamente saían dous carros e agora xa non saen ningún, tamén hai empresas portuguesas que continúan a traballar normalmente no sector galego da construción.

"Ouvín falar do aumento do desemprego na Galiza, mais, felizmente, aínda non sentín ese problema", afirma Vítor Cachada. Este empresario, que xunto dous irmáns e outros sete operarios está a construír un edificio en Pontevedra, admite que podería ser a excepción que confirma a regra. "Temos traballo para os próximos seis ou sete meses", declara.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: