Foi un dos eixos destacados polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, durante a súa intervención este domingo nun encontro con alcaldes e representantes do seu partido en Galiza. Feijoo puxo datos na mesa, referidos a enquisas encargadas polo seu partido, segundo as cales por vez primeira na última década, os novos votantes apostan polo PP como principal forza á hora de pensar en outorgarlle o seu apoio.
O líder dos populares admitiu dese xeito que no último treito da súa formación á fronte do Goberno, o PP non soubera "coidar" o apoio da mocidade. Nesa liña, dixo estar seguro de que a tendencia é a que ese escenario cambie e destacou que o apoio da mocidade será clave na recuperación da confianza dos cidadáns na xestión da formación política que lidera.
Do mesmo xeito, Núñez Feijoo tamén se referiu á cifra do 60% de cidadáns que, asegurou, están a prol dun cambio de goberno. "Vimos falar a esta reunión das eleccións, de estratexia electoral, e podo dicirvos que a nosa campaña non será outra cousa que xestión e proxecto", afirmou Feijoo, "non pretendemos ser divertidos nin entretidos, senón eficaces e non pretendemos distraer atencións, senón centralas no que importa”."A campaña transparentará o que imos facer durante os próximos catro anos desde o 2 de marzo”, engadiu o que será cabeza de cartel do PP en Galiza.