O xuíz ditou un auto que permitirá o inicio dos traballos de urxencia para conservar o patrimonio do convento, que deberían estar listos en abril.
Despois de cinco anos de abandono, o claustro gótico de San Francisco será obxecto dos traballos de urxencia decretados polo Goberno central o pasado 23 de decembro destinados a reforzar a súa estrutura e evitar deste xeito o seu inminente risco de derrubamento. Os traballos terán unha duración de catro meses a partir do vindeiro 14 de xaneiro e neles participará un equipo formado por 19 persoas (técnicos do ministerio e da nova adxudicataria, a ourensá Copasa). Debido ao carácter de Ben de Interese Cultural (BIC) do claustro, todas as obras estarán supervisadas pola Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellaría de Cultura.
Unha vez finalizados os traballos de urxencia, non continuarán as obras previstas até que non se resolva o conflito xudicial entre o ministerio e a antiga adjudicataria, posto que está pendente un recurso contencioso-administrativo interposto pola construtora en xuño de 2007. A resolución deste proceso será a clave para o desbloqueo das obras da Biblioteca Pública e do Arquivo Provincial, así como para a rehabilitación total do claustro, cuxo futuro uso aínda é unha incógnita. A Tenencia de Alcaldía propuxo hai un ano crear alí un hotel de luxo cunha sala de exposicións permanentes que puidese acoller tamén o legado bibliográfico de Ogando Vázquez.
Cinco anos de obras paralizadas
En 1997 o Concello de Ourense mercoulle o edificio ao Ministerio de Defensa (a quen llo cedera gratuitamente no século XIX) por 500 millóns de euros. E tan só tres anos despois, con 15 votos a favor (PP) e 12 abstencións (PSOE e BNG), o pleno municipal aprobou a cesión de uso gratuíta por 99 anos ao Ministerio de Cultura. En 2003 comezaron as obras de rehabilitación, paralizadas despois do triunfo do PSOE nas eleccións xerais de 2004, por detectar incumprimentos por parte da construtora. A adxudicataria iniciou un recurso xudicial contra a decisión, que mantivo as obras paralizadas até agora. En xuño de 2008 o Goberno central aprobou finalmente a rescisión do contrato e adxudicoullo a Copasa (segunda clasificada no concurso).
O alcalde de Ourense e técnicos do Ministerio de Cultura entran en San Francisco (imaxes de Telemiño)