Analizamos a situación co xornalista de Radio Euskadi e colaborador de Vieiros, Dani Álvarez.
Otegi saúda a Ibarretxe na sala, antes de comezar o xuízo
O xuízo comezou esta quinta feira de mañá en Bilbao, no predio do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi. A el acudiron os membros da esquerda abertzale Arnaldo Otegi, Rufi Etxeberria, Pernando Barrena, Juan Joxe Petrikorena e Olatz Dañobeitia; o lehendakari Juan José Ibarretxe; o secretario xeral do PSE Patxi López, e o secretario de Organización do PSE, Rodolfo Ares. Están acusados, polas asociacións Foro Ermua e Dignidad y Justicia, de participar ou axudar ao desenvolvemento das xuntanzas mantidas con membros da ilegalizada Batasuna en 2006, durante a tregua de ETA.
Os representantes da esquerda abertzale están acusados de 'desobediencia' e o mandatario vasco, López e Ares de actuar como 'cooperantes necesarios' para que os feitos considerados delictivos -as xuntanzas- se desenvolvesen. As acusacións particulares piden unha pena de dous anos para Ibarretxe -aos que o Foro Ermua acrescenta outros nove meses-, e de un ano para López e Ares. Para Arnaldo Otegi solicitan tres anos -catro o Foro Ermua-; para Rufi Etxeberria e Juan José Petrikorena piden dous anos de cárcere e para Olatz Dañobeitia e Pernando Barrena, un ano. Porén, o Ministerio Fiscal e as defensas reclaman a libre absolución por considerar que ao desenvolver as xuntanzas non se cometeu delito ningún, xa que non había orde expresa que prohibise estes encontros.
Un xuízo que podería quedar en nada
Porén, o xuízo podería non pasar dunha primeira xornada, xa que a causa podería arquivarse, ao entender a fiscal María Ángeles Montes que se a acusación particular e o Ministerio Fiscal non exercen a acción penal, non pode procederse á apertura de xuízo oral só coas acusación populares.
Neste sentido, a fiscal pediu que se poña fin ao procedemento, baseándose na sentenza do 'Caso Botín' que ditou o Tribunal Superior o pasado mes de decembro, e no que o presidente do Banco Santander, Emilio Botín, quedaba exonerado de xuízo por un caso de cesións de crédito, ao non existir máis acusación contra el que a acción popular.
Porén, tamén pesa a sentenza contraditoria do 'caso Atutxa' -neste, seguiuse co xuízo, a pesar de que o Ministerio Fiscal retirou da acusación, e, contra todo prognóstico, o Tribunal Supremo español condenou ao ex presidente do parlamento vasco Juan María Atutxa (PNV), e os antigos membros da mesa da Cámara Gorka Knörr (EA) e Kontxi Bilbao (EB), por un delito de desobediencia ao non disolveren o grupo parlamentario Sozialista Abertzaleak en 2003-. Esta última sentenza, segundo a Fiscalía, non debería terse en conta nesta ocasión.
"Este xuízo é un esperpento"
Segundo lle contou a Vieiros o xornalista de Radio Euskadi, Dani Álvarez, esta é a opinión xeneralizada no país sobre este proceso: "aquí o 99% da xente pensa que este xuízo non ten sentido. En realidade ninguén lle dá importancia porque hai unha crenza estendida de que vai rematar en nada; mais a xustiza vasca é imprevisíbel". Neste sentido, Álvarez sinalou que no seu momento tamén se pensaba que a sentenza do 'caso Atutxa' "ía quedar en nada, e o TS condenou os acusados, despois de catro anos".
"Cando comezou este caso das 'xuntanzas políticas', ninguén daba un peso porque se chegase ao xuízo oral, e olla agora", sentenciou, ao tempo que sinalaba: "hai que destacar que este xuízo está auspiciado por dous grupúsculos con implantación social cero en Euskadi, e vencellados a uns intereses políticos que todos coñecemos", sinalou.
"Os medios de comunicación en Euskadi levamos dous anos seguindo este caso, e neste tempo procuramos xuristas que avalasen esta acusación, e aínda non atopamos ningún, agás o presidente do TSXPV, Fernando Ruíz Piñeiro, e o seu compañeiro, o xuíz Antonio García. Mira que hai casos conflitivos na xustiza, que dean para o debate, pero neste non coñecemos a case ninguén que estea a favor. É un esperpento. Da xustiza vasca quédannos xa moi poucas cousas por ver", destacou Álvarez.
Podería condicionar este xuízo as eleccións vascas do 1 de marzo?
Segundo Dani Álvarez, é "moi probábel” que este xuízo termine no Tribunal Supremo, como xa anunciaron as dúas asociacións que se presentan como acusación, "igual que Manos Limpias no seu momento" -asociación que levou ao alto tribunal a acusación feita contra o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, por falar con ETA-. De feito, o Foro de Ermua exixiu, antes que comezase o xuízo, que se admita a petición dunha comisión rogatoria para que as autoridades de Suíza colaboren e poñan a disposición do tribunal as actas das negociacións mantidas por ETA e o executivo español custodiadas polo centro Henri Dunant.
Segundo Álvarez, o Alto Tribunal sería o recurso destas asociación xa que, ao seu ver, "viven deste tipo de casos, de denunciar este tipo de feitos e conseguir unha presenza mediática desmesurada para o que realmente representan, e así chegan, entre outras cousas, a acadar financiamento doutras Comunidades Autónomas, non tendo nin sequera medio cento de militantes", revelou.
Alén disto, para Álvarez, este caso non vai condicionar os comicios electorais vascos, previstos para o vindeiro 1 de marzo, a pesar de se desenvolver nun escenario pre-electoral: "xa vai para dous anos que estamos dándolle voltas a este caso, e creo que realmente xa foi amortizado o seu impacto na sociedade vasca. Aínda que ver a Ibarretxe sentado no banco dos acusados pode chegar a mobilizar as bases do movemento nacionalista cara as eleccións, mais non creo que teña demasiado impacto nos votantes, nin tan sequera na oposición -é un caso que nin dirixentes nin simpatizantes do PP vasco entenden. Si vai servir, por outro lado, para que Ibarretxe comece a súa campaña electoral, tirando rédito disto", concluíu.
Para seguir o xuízo, os medios vascos:
Deia: O xuízo minuto a minuto
Gara: Xuízo ao diálogo político
Diario Vasco: Xuízo Histórico
EiTB: Comeza o xuízo contra o diálogo político