Lendoiro confirmou o seu interese polo dianteiro dos Glasgow Rangers, sinalando que a comezos de xaneiro ha falar persoalmente co futbolista ferrolán.
O presidente do Real Club Deportivo da Coruña, Augusto César Lendoiro, admitiu a noite da segunda feira que ten a ollada posta no dianteiro dos Glasgow Rangers, o ferrolán Nacho Novo.
O xornal escocés Daily Record recólleo na súa primeira capa como unha exclusiva: "O Dépor anda en conversas con Novo". O dianteiro, polo seu lado, revelou que podería contestar a unha oferta a vindeira semana.
A ollada de Lendoiro
Nun momento do Galiza-Irán, no que Novo foi o máximo anotador e o xogador máis destacado -viña de xogar, de mañá, co seu equipo en Escocia, e pola tarde marcou dous dos tres golas da irmandiña-, as cámaras da televisión enfocaron a Lendoiro nas bancadas. Estaba abraiado, ollando o xogo do ferrolán, se cadra pensando nunha posíbel fichaxe. Agora estamos certos, o presidente do Dépor admitiu que Novo é un dos principais obxectivos do clube.
Aínda ten que falar co adestrador, Miguel Ángel Lotina e co director deportivo, Ricardo Moar, mais, segundo lle confesou a este medio escocés, "Nacho Novo é un xogador atractivo para o Deportivo, polos seus antecedentes e tamén pola súa situación contractual en Glasgow". Ao galego quédalle cinco meses de contrato cos Rangers, nun período no que non termina de atopar o seu lugar, xa que o dúo de dianteiros formado por por Kris Boyd e Kenny Miller rouboulle un bocado o seu rol de goleador. "Sabemos que termina contrato esta tempada, así que non se trata dun gran prezo, mais non hai nada decidido aínda; este é o tipo de cousas que temos que debater internamente e das que falaremos en xaneiro", subliñou o presidente deportivista.
No caso de atopar sobre a mesa unha oferta do Dépor, Novo veríase nunha difícil situación, dado o trato que recibiu sempre da afección escocesa en catro anos e medio, e o bo lugar que ocupou no primeiro equipo. Porén, segundo lle contou a Vieiros, sempre quixo volver á terra. Lendoiro case o deu por suposto cando se dirixiu a el ao terminar o encontro de Galiza e Irán, dicíndolle, de brincadeira que, se cadra, tiña chegado o momento de volver á casa.