Espectacular Nacho Novo, heroe irmandiño, que furou dobre a porta contraria, na noite en que a selección nacional chegou por segunda vez á Coruña.
22h53: Coa Irmandiña turrando cara a arriba, mirando de ofrecerlle máis goles ao público, que pide a hora, o árbitro pita o final. Festa total en Riazor. Os seareiros van deixando o campo con bo sabor de boca. Goles abondo e detalles de calidade para espantar o frío esta noite na Coruña.
Galiza 3 - Irán 2
22h50: Saque de esquina con perigo de Irán. Diego López amarra a bola con seguridade e saca rápido para Dani Abalo. Vaise Abalo con elegancia e chántalle un sombreiro a Nouri que ergue a xente dos bancos con indignación cando o persa mete o pé para frear o invento magnífico do mozo galego, moi activo.
22h40: Goool de Irán. Fungueirolo terríbel de Khalatbari en zona mortal que chega até o fondo da rede galega. Fermoso gol, a afección local aplaude en recoñecemento o tanto persa cando máis fráxil parecían as ideas do conxunto visitante.
Galiza 3 - Irán 2
22h38: Salehi revírase fronte ao árbitro esixindo penalti por unha caída na área galaica. Moi febles os iranianos nesta segunda parte.
22h34: Ourivería futboleira a conta de Aspas. A xente ferve e os xogadores divírtense. O caneo inspirado de Aspas queda en balón mortal na bota de Trashorras que zumba a bola con intensidade mais alta demais .
22h30: Trashorras, convertido esta noite en motor e calculadora, debuxa o guión irmandiño argallado por Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez con mestría exquisita.
22h24: Penalti a prol de Galiza. Losada é o encargado de tiralo. Pola esquerda e Goooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooool !!!!!!!
Galiza 3 - Irán 1
22h22: Marchan Novo e Cabanas á caseta. Os seareiros, encantados co do Glasgow, berran NOVO, NOVO!!
22h17: GGGOoooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooool
Estoupa o campo como unha castaña sen amosegar.
Nacho Novo outra vez. Incansábel. Marcando a diferencia en territorio comanche. Dono da área, construíndo perigo de xeito seguido. Outro premio para o dianteiro que colleu o avión: de Escocia a Galiza no mesmo día. Xogou o derbi escocés e saiu correndo ao voo que o deixou a pé de Riazor apenas unhas horas despois.
O público berra: GA-LI-ZA
Galiza 2 - Irán 1
22h14: Nacho Novo, outra vez, tira do látego galaico até as inmediacións da porta persa.
22h11: Capi deixa nota da firmeza defensiva irmandiña convertendo en anécdota un balón ameazante para Diego López.
22h10: A intensidade da ofensiva irmandiña fura o campo agora pola beira dereita. Abalo decora a xogada no vértice da área e Ashjari mételle o pé. O público pide penalti. O árbitro perdoa desta volta.
22h06: Dani Abalo levanta os afeccionados por vez primeira dos asentos nesta segunda quenda de xogo cunha mostra de calidade que lle puxo o medo no corpo ao porteiro iraniano.
22h04: Comeza o segundo tempo. Mantéñense no campo Nacho Novo, Ricardo Cabanas e Jonathan Aspas, os tres irmandiños vidos da emigración futboleira.
21h55: Budiño atácalle a segunda peza da noite. Nas bancadas os seareiros aparcan un intre refrescos e bocadillos para facerlle un cariño ao músico.
21h45: O árbitro pita o final do primeiro tempo.
21h36: Incansábel Nacho Novo desputa un balón ao choque e bate cun defensa. Quedan os dous mancados. O árbitro deixa seguir. Na media liña Xulio Álvarez faino bonito, un adorno dobre con reviravolta. Ferven as bancadas. Furado na liña da área e Faaaaaalta! O árbitro pita castigo no que apuntaba ameaza perigosa dos irmandiños.
21h35:Un rexeitamento do balón chégalle colocado a pé de Nouri, moi dinámico no centro do campo dos iranianos, que zoupa a pelota moi forte rañando case o longueiro do capitán.
21h34: Jonathan Aspas apaña a primeira tarxeta da noite por unha entrada sobre Khalatrabi.
21h32: Falta de moito perigo no gume da área galega. O fungueirolo de Ashjari esvae na barreira galaica.
21h30: Borhani recolle un rexeitamento mal xestionado pola defensa irmandiña e saca ouro en forma de gol para Irán.
Galiza 1- Irán 1.
O capitán Roberto non puido facer nada diante dun balón que lle veu con carambola. Así e todo, posíbel falta sobre o central galaico.
21h25: Rei da área, Nacho Novo espreme folgo até o fondo do campo e mete susto na defensa persa.
21h24: Música abrouxadora na bancada, de pé despois de catro filigranas de Pablo Álvarez na beira esquerda da área.
21h21: Aproximación con perigo dos persas, tocados no orgullo polo primeiro gol. Pero no centro da defensa Rubén deita un balón envelenado ao chan con seguridade. Hai equipo firme en todas as demarcacións.
21h20: E chegou o Gooooooooooooooooooooool. Nacho Novo, non podía ser doutro xeito. Levaba minutos lambendo a área con perigo grande e facendo abanear a defensa iraniana. Pablo Álvarez, corredor de incansábel fol deixoulle o balón a xeito e entrando pola esquerda, Novo chutou o balón ao fondo da rede sen que Rahmati puidese facer ren.
Galiza 1 - Irán 0
21h15: Outro detalle de Nacho Novo levanta os seareiros nas bancadas. Moi activo o xogador do Glasgow Rangers. Vén de disputar o derbi escocés e baixou do avión hai apenas unhas horas con auténtica fame de gol ao campo coruñés.
21h07: Tremen as canelas nas bancadas. Kaebi insinúa boas maneiras fronte á portería do capitán irmandiño esta noite.
21h05: Espertan os iranianos e rondan a porta con perigo.
21h02: Primeira ameaza irmandiña a pé de porta. Iago Falqué.
21h: Comeza o partido
20h55: Van soando os nomes do conxunto titular.
20h50: Saen os equipos, comezan os himnos. Primeiro o de Irán, logo o de Galiza.
20h45: Velaí o equipo titular, a Irmandiña 2008 que saltará ao campo en poucos minutos:
-Roberto (capitán)
-Rubén
-Borja
-Adrián López
-Jonathan Aspas
-Roberto Lago
-Ricardo Cabanas
-Nacho Novo
-Pablo Álvarez
-Xullo Álvarez
-IagoFalque
20h42: Repenican palmas e pandeiros ao son da gaita.
20h40: Budiño no centro do campo, inicia unha peza. O estadio gaña calor e color.
20h35: Os xogadores volven aos vestiarios recibiren as últimas instrucións.
20h25: Incidentes, con cargas policiais incluídas, a pé do estadio.
20h20: Brincan ao campo unha ducia de irmandiños acompañados do preparador físico. Malia que aínda entraron apenas unha presa de afeccionados, os berros e aplausos a prol da selección xa se deixan escoitar.
20h05: Entra no campo a selección de Irán a facer quecemento.
20h00: Prenden as luces de Riazor.
19h45: Os primeiros afeccionados cruzan a porta e van collendo asento.
19h40: A pé de Riazor o inverno parece máis espantadizo. A temperatura seareira comeza a porlle cor ao contorno do estadio.
19h30: No centro do campo, Xosé Manuel Budiño fai proba das pezas que interpretará un chisco máis tarde.
9h30: Fame de goles en Riazor
O combinado nacional espantou o frío en Abegondo, deseñando estratexias para este sábado baixo a batuta da sabedoría de Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez.
A herba de Abegondo foi escenario para o primeiro adestramento oficial da Irmandiña. A selección galega botouse ao campo con ánimo competitivo, quecendo músculos e ideas para o partido deste sábado fronte a Irán. Os mozos galaicos coincidiron co equipo persa, que adestrou tamén á noitiña en campo contiguo.
Invictos desde hai tres anos, os irmandiños aspiran a manter tal condición e a recuperar o camiño gañador inaugurado en San Lázaro no partido contra Uruguai, que seguiría con cadanseu empate diante de Ecuador e Camerún nos Nadais posteriores.
Así e todo, no adestramento deste venres faltaron Nacho Novo, xunto a Diego López, Aspas, Noguerol, Pablo Álvarez e Iago Falqué. Especial expectación hai fronte á chegada este sábado de Novo, o dianteiro do Glasgow Rangers, quen, incansábel, vestirá a camiseta do conxunto escocés no derbi do Glasgow fronte ao Celtic, antes de coller o avión para vestir a camisola irmandiña en Riazor.
A tempo de sacar entrada
Desde as 10h e até os momentos previos ao inicio do partido aínda poderá quitarse boleto para atender ao choque Galiza-Irán. A venda foi a bo ritmo durante a semana a través das taquillas virtuais, con especial éxito da oferta de camisola oficial da Irmandiña xunto con entrada.
A saída ao campo dos 11 xogadores da selección nacional irá precedida por unha peza musical interpretada polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro moañés quentará os ánimos seareiros con dúas pezas que tocará antes de comezar cada un dos dous tempos de xogo.