Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTA QUINTA FEIRA

O euro cumpre dez anos de boa saúde

A UE celebra unha década de moeda única que podería substituír a nivel mundial o dólar en 2014. O primeiro de xaneiro, Eslovaquia uniuse á Eurozona.

Redacción - 09:45 02/01/2009

O primeiro de xaneiro de 1999, calculadora en man e feitos os pertinentes arranxos nos sistemas informáticos, 11 países da Unión Europea estaban preparados para recibir o euro. Aínda faltaban tres anos para que se puidese pagar coa nova moeda o pan, o leite ou na barbaría, pero a nova divisa xa comezaba a enfrontarse, na Bolsa, ao todopoderoso dólar, ou á libra esterlina.

Aquel 1 de xaneiro do 99 nacía a Unión Económica e Monetaria (UEM), mais agora, case unha década despois, xa son 320 os millóns de cidadáns do continente -repartidos en 15 países- os que empregan a moeda.

Na web da Comisión Europea congratúlanse dos "logros conseguidos nestes dez anos" mais sinalando que a Unión Económica e Monetaria "que supuxo un fito no proceso da integración europea" vaise ver obrigada a adaptarse "nos anos vindeiros, para facer fronte á globalización, a escaseza dos recursos naturais, o cambio climático e o avellentamento da poboación".

Unha moeda en plena forma
O 31 de decembro de 1998 o euro valía 1,16 dólares, 132,8 iens e 0,70 libras. Dende aquela, o valor da moeda medrou un 22% respecto á estadounidense e un 38% respecto á británica. As autoridades e políticos de finais da década dos noventa do século pasado tiñan tres expectativas co euro: conseguir un contrapeso ao dólar, aumentar os investimentos e conseguir unha maior converxencia nas rendas europeas. O último punto foi o que, segundo os economistas, se ten conseguido plenamente nestes últimos 10 anos.

Tamén é abondo notábel a crecente presenza internacional que adquiriu, neste tempo a divisa europea. Segundo unha enquisa publicada esta segunda feira polo Financial Times, a maior parte dos europeos -o 70% das persoas enquisadas no Estado Español- confían en que a o euro consiga sobrepasar o valor do dólar en 2014, e situarse como moeda de referencia mundial.

Un novo país na eurozona
Este semana, ademais, fíxose efectivo o informe que indicaba que Eslovaquia xa cumpre os requisitos para adoptar o euro: estabilidade dos prezos e tipos de cambio, tipos de interese reducidos, déficit e débeda pública razoábeis, e unha lexislación compatíbel. Os países membros déronlle o visto e prace a Eslovaquia na eurozona para o primeiro día de 2009.

Porén, o informe tamén concluíu que outros países avaliados -na súa maioría países do Este, mais tamén Suecia- aínda non cumpren os requisitos precisos para adoptar a moeda europea.

A pequena historia do euro
O euro naceu para substituír o ECU (Unidade de Conta Europea), ideado pola CEE no 1979 para unificar as cifras nas súas institucións. Porén, aquel ECU non pasou do valor escritural, xa que nunca chegou a manexarse en moedas e billetes. O mesmiño que lle pasou ao euro ata o 31 de decembro de 2002.

A palabra euro, proposta por Alemaña naquela altura, designa un dos catro ventos cardinais de Grecia. O concepto de euro enxendrouse no Consello Europeo de Madrid en decembro de 1995, e o seu nacemento oficial produciuse o 1 de xaneiro de 1999. Nesa data comezou a andaina da Unión Monetaria Europea, e o ECU dixo adeus para dar paso á nova moeda, que equivalía -e aínda equivale, que hai quen non deixou de pensar na vello moeda- a 166,386 pesetas. Logo pasaron dous meses funcionando como moeda, ao tempo que a peseta -que naquel altura cumpría 134 anos-, desaparecía. Era o 28 de febreiro de 2002. Moitas pesetas quedaron baixo os colchóns, en botes enriba da neveira ou en partes ocultas dos galiñeiros, por exemplo. Todo o aforrado podíase mudar por euros até que terminase o mes de xuño daquel ano, pero houbo quen fixo caso omiso.

Nun especial de Nadal que fixo Vieiros no 2001, ofrecíaselles aos lectores e lectoras unha listaxe das moedas de euro, e, a carón, a listaxe das moedas tradicionais galegas: as cadelas, os cans ou patacóns, o real e o peso. Deste xeito, as cadelas eran os 5 céntimos de euro; o patacón correspondía aos 10 céntimos de euro; o real a 25 céntimos de euro; e o peso ao billete de cinco euros. Con esta axuda, os cidadáns xa ían encamiñados á entrada da nova moeda, que xa ten 10 anos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: