Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presidía en funcións González Nieto

Logo de cinco anos de atraso á fin elíxese o presidente do TSXG

O xuíz Miguel Anxo Cadenas, do colectivo "progresista" Jueces para la Democracia, presidirá a institución.

Redacción - 09:00 24/12/2008
A sede na Coruña do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)

A sede na Coruña do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG)

O pleno do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) resolveu este martes con 13 votos a favor que o maxistrado Miguel Anxo Cadenas Sobreira, da asociación Jueces para la Democracia, sexa o novo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Remata así a provisionalidade que se mantivo durante case cinco anos nos que a institución permaneceu presidida "en funcións" polo xuíz Anxo González Nieto. O propio González Nieto era un dos aspirantes a permanecer no cargo. Atrás dos 13 apoios conseguidos por Cadenas, o maxistrado Juan Carlos trillo, da Asociación Profesional da Maxistratura, obtivo 7 votos. Trillo, representante do colectivo "conservador" era o aspirante apoiado polo PP.

Xuíz de longa traxectoria
Miguel Ángel Cadenas Sobreira é actualmente maxistrado da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Ingresou na carreira xudicial por oposición o 28 de xuño de 1974, sendo destinado ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución único do Barco de Valdeorras, onde tomou posesión o 1 de agosto de 1974 e no que permaneceu ata o 23 de abril de 1976, cando accedeu ao seguinte destino, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución único de Ribadavia.

En 1979 ascendeu a categoría de maxistrado, ocupando praza nas Maxistraturas de Traballo de Burgos e Vigo e, posteriormente, na Audiencia Provincial de Oviedo. O 25 de febreiro de 1986 foi nomeado presidente de Audiencia Provincial de Ourense, función que desempeñou ata o 27 de setembro de 1989, data na que obtivo, por concurso de traslado, praza na Sección Terceira da Audiencia Provincial de A Coruña, onde estivo ata que, o 5 de xullo de 1995, tomou posesión como maxistrado especialista na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o seu actual destino. É profesor asociado de Dereito Civil da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña dende 1990. Tamén imparte clases de estudios de terceiro ciclo na Universidade de Santiago de Compostela.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: