Domingo 1 de marzo ou domingo de piñata, esa é a data elixida polo núcleo duro de Emilio Pérez Touriño para as eleccións galegas. Setenta días para que se abran as urnas e se vexa a nota que lle poñen os cidadáns ao bipartito. Daquela, as enquisas, fogos de artificio para políticos e xornalistas, pasarán a ser simple papel mollado.
O anuncio do presidente chega logo dun ano marcado polas continuas especulacións sobre adiantos electorais. Os ruxeruxes, alimentados pola propia clase política, chegaron a tal grao que Emilio Pérez Touriño fixo unha comparecencia oficial en Monte Pío a finais de agosto para desmentir o adianto (
algo inédito na nosa historia política).
As maquinarias electorais das tres principais forzas políticas levan prendidas dende o verán. Agora chegou o momento de apurar os motores e para iso cada quen xa ten debulladas as liñas mestras. Mais aínda que dende os cuarteis xerais hai interese en enviar mensaxes de optimismo, tamén é certo que os temores existen, e moitos, en todos os bandos.
PSdeG: co alento da crise na calugaO PSdeG chega ás eleccións de marzo baixando revolucións. Se hai un ano os principais dirixentes socialistas subliñaban que era posíbel ser a forza máis votada, nestes momentos ninguén considera que se poida superar ao PPdeG en número de deputados. A crise económica, que protagoniza a axenda mediática dende que arrancou o outono, magoa a un partido que capitanea o goberno galego e o español. Esa mesma crise era o argumento esgrimido por determinados sectores para pedir eleccións este mesmo ano.
Pontevedra, provincia pola que se presentará o propio Touriño, é agora un dos obxectivos prioritarios do PSdeG. Os socialistas precisan manter resultados na área metropolitana de Vigo, onde a crise está a pasar factura no sector da automoción, de importancia vital para esta comarca. As maiores esperanzas están en Lugo e Ourense, os socialistas confían en ser quen de roerlle electorado á dereita. Algunhas enquisas internas prognostican fortes caídas do PPdeG nos seus antigos feudos, sobre todo nas zonas máis rurais.
Dirixentes do PSdeG consultados por Vieiros consideran que, ademais da crise, outro punto feble da formación é como se trasladaron as tarefas de goberno cidadanía. Estas fontes consideran que as políticas de comunicación son “mellorábeis”.
BNG: O problema son as cidades e a xuventudeO BNG enfróntase por vez primeira a unhas eleccións logo de catro anos na Xunta. E iso é a gran cuestión a resolver: a acción de goberno vai traducirse nun aumento do apoio social? Quintana xogou forte na última Asemblea Nacional e comprometeuse a conseguir un resultado histórico para o BNG (o teito son os 18 deputados que colleitou en 1997). Porén, na dirección nacionalista consideran que lograr 15 deputados (dous máis que en 2005) sería xa un resultado aceptábel.
Pero cal é o principal punto feble do Bloque? Un destacado dirixente confiáballe hai pouco a Vieiros que o gran problema da organización frontista tiña que ver co feito de que “a importancia social e electoral do BNG non se ve acompañada polo eco nos medios”.
Mentres, o Bloque fai equilibrios para conservar a súa base tradicional (máis crítica e vixiante cos pasos que dan os seus no goberno) e á mesma vez poder recadar votos en novos caladoiros: a cadratura do círculo. A dirección frontista considera que o BNG pode ter importantes subas nos pequenos municipios e nas vilas, moitas veces a conta do PPdeG. Pola contra, os principais temores concéntranse nas sete grandes cidades e nas franxas de idade máis novas, onde o nacionalismo semella ter perdido o predicamento doutros tempos.
PPdeG: a noutrora invencíbel maquinaria electoral ten pouco combustíbelAlberto Núñez Feijoo sabe que se xoga moito nas eleccións de marzo. Sabedor do complicado que será lograr unha maioría absoluta, o líder conservador é consciente de que ten que tensionar a campaña e dar a sensación de que é posíbel esa vitoria.
Ao contrario que no caso do BNG,
o principal crebacabezas da dereita é o voto rural. No PPdeG consideran que nas áreas urbanas van ter un bo resultado e que a tendencia dos últimos comicios é a ir perdendo a hexemonía que tiñan en moitas comarcas rurais.
O PPdeG ponlle todas as súas velas a tres “santos”: a crise económica (coa que queren desgastar a Touriño), á diferenza entre os socios de bipartito (o que eles bautizaron como bigoberno) e á propia maquinaria de partido. Un parlamentario conservador considera que se son quen de mobilizar a súa base as eleccións poden estar moito máis desputadas do que se agarda a priori. O complexo é mover un exército que xa non recibe combustíbel dende San Caetano.