As enquisas que manexa o círculo de Núñez Feijoo augúranlle uns bos resultados nas áreas urbanas pero importantes caídas nas rurais.
Nos anos 90 a dereita galega tivo o seu particular “dream team”. Os da “boina” e os do “birrete” competían entre si en cada elección e iso, lonxe de ser un problema, garantíalle a Manuel Fraga as súas maiorías absolutas. Daquela non era raro que un alcalde chamase a Santiago lembrando que sacara máis do 60% dos votos no seu municipio. O PPdeG ía de marca en marca e os concellos rurais eran un bastión inexpugnábel.
A menos de tres meses dos comicios, os máis estreitos colaboradores de Núñez Feijoo teñen unha preocupación especial: o voto rural. Un dirixente popular consultado por Vieiros recoñecía que para o PPdeG é crucial conseguir mobilizar os votantes dos pequenos e medianos municipios e moi especialmente os das circunscricións de Ourense e Lugo. As sondaxes que teñen enriba da mesa tanto os populares como os seus rivais coinciden nun dato: O PPdeG sobe nas áreas urbanas pero ten importantes caídas nas comarcas rurais (nalgunhas de Ourense a caída nas enquisas achégase aos oito puntos). Por iso, o círculo de Feijoo sabe que, sobre todo agora que a “boina” non ten cabezas visíbeis na dirección, é crucial mobilizar os alcaldes e facer listas moi equilibradas territorialmente.
Dentro do PPdeG recoñecen que o escenario para Núñez Feijoo é inmellorábel. A crise económica está a darlle osíxeno a un partido que hai un ano daba por feito que os vindeiros comicios ían ser un drama. Coas eleccións á volta da esquina, os gabinetes de crise de PSdeG e BNG coidan que o PPdeG non ten opcións para lograr a maioría absoluta pero vai resistir moito mellor do que se agardaba.
Un dirixente socialista consultado por Vieiros recoñece que “o punto máis forte do PPdeG é que siga unido. Sempre se dicía que cando perderan o poder ían ter múltiples crises internas, que romperían...pero catro anos despois están aí”. E esa é a principal baza de Feijoo: alimentar o soño de que é posíbel unha maioría absoluta, como cando "boinas" e "birretes" saían ao campo a dalo todo porque en xogo tamén estaba o reparto do poder interno.