Na autovía A-6 as dificultades para circular esténdense uns 27 quilómetros.
A neve cubriu moitas das estradas do interior do país
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) activou o nivel vermello de alerta nas localidades de Pedrafita e da Fonsagrada, nas comarcas orientais do país, debido ás nevaradas que caeron nas últimas horas. En total, hai avisos en 24 estradas da rede viaria, tamén nas comarcas do sur.
As vías LU-530 e LU-633, ao seu paso por Pedrafita, e a LU-651, en Quiroga están en nivel de alerta vermello. Na N-VI, na CG.2.1 e na A-6 ao seu paso por Becerreá e Pedrafita, a DXT mantén o nivel amarelo e recomenda precaución pola existencia de neve. Na autovía as dificultades esténdense por uns 27 quilómetros.
Tamén as estradas N-540, LU-122, LU-540, á altura das localidades de Guntín, Lourenzá e Ourol, están afectadas pola neve, e pide precaución en Rábade na A-6.
Máis ao sur, nos municipios da Gudiña, Albarellos, Baltar, Manzaneda, Parada de Sil, Pobra de Trives, Viana do Bolo e Vilariñofrio a circulación estase a ver afectada nas estradas N-525, A-52, OU-1109, N-540, OU-0704, OU-0604, OU-0703, OU-533 e OU-536.
No centro do país, a neve tamén se acumula nas vías de comunicación: a N-120, a PO-212, a AG-53, a AP-53, a N-525, a N-541, a PO-533 e a PO-534, ao seu paso pola Cañiza, Agolada, Dozón, Forcarei, Rodeiro e Silleda.