Nova Escola Galega cítase este sábado para celebrar o 25 aniversario do colectivo, nado en favor da renovación pedagóxica e e a galeguización nas aulas.
"Pensa a consellaría que a publicación dun decreto serve para cambiar automaticamente a realidade?". Así llo lembraba hai poucos meses o colectivo Nova Escola Galega (NEG) ao departamento de Educación da Xunta, ao respecto do decreto sobre o galego no ensino. Un decreto que, en opinión de NEG, estaba quedando "apenas nun papel".
Precisamente, de traballar a pé das aulas para mudar a realidade e tamén de xeito concreto en favor da nosa lingua, saben ben as persoas que durante 25 anos contribuíron a manter vivo este movemento de renovación pedagóxica, Nova Escola Galega. A iniciativa cumpre este 2008 os seus 25 anos de historia, unha longa traxectoria a prol da transformación e mellora do ensino.
O acto de conmemoración celébrase este sábado no Museo do Pobo Galego. Haberá unha mesa de debate baixo o título "Os Movementos de Renovación Pedagóxica (MRP): o seu papel na actualidade e prospectiva", moderada por María Dolores Candedo Gunturiz, vicepresidenta de Nova Escola, e que contará coa participación de Ricard Aymerich, presidente da Confederación Estatal de MRP, César Trapiello, en nome do MECEP-FICEM, Rui Trindade, do Movimento da Escola Moderna Portuguesa, e Xoán Costa, presidente da ASPG. Deseguido nomearanse como socios de honra a Rosa Liñares, Valentín Arias, María Luísa De la Torre, Xesús Alonso Montero, Cristina Álvarez Rodríguez e Xoán Babarro. O acto inclúe tamén a lectura do manifesto dos 25 anos de NEG e a presentación de varias publicacións. Clausura a xornada Xosé Lastra, actual presidente do colectivo, acompañado polas persoas que exerceron a presidencia anteriormente.
Un esforzo que une mestres en todo o país
Nova Escola Galega naceu en 1983 xuntando as forzas de diversos grupos que desde finais dos anos 70 traballaban no impulso da renovación didáctica e a galeguización do ensino. Escola Aberta, Avantar, o Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega, Albe-Galicia, Xilbarbeira... As iniciativas confluíron en NEG, que sumou profesorado de todos os ciclos e en toda Galiza en favor da promoción de iniciativas para a defensa e construción do modelo de escola pública, a apertura permanente a "formulacións renovadoras tanto psicopedagóxicas coma didácticas" e a implicación no impulso á galeguización lingüística e curricular no ensino.
Nestes vintecinco anos a vizosa traxectoria deixou pegada en forma de materiais e proxectos diversos nos campos das didácticas da lingua, das ciencias sociais, das ciencias naturais e das matemáticas, á educación física, á psicomotricidade, os medios audiovisuais, a orientación escolar, a escola rural, a normalización lingüística, a historia da educación en Galiza, a educación plástica, a literatura infantil e xuvenil e a educación para paz.