Os empregados do equipo compostelán xúntanse hoxe para decidir se cumpren a súa ameaza de non presentarse ao vindeiro partido e solicitar a baixa.
Este venres remata o prazo que os xogadores, técnicos e demais empregados do Cidade de Santiago deron á súa directiva para ofrecer unha viabilidade económica a longo prazo. A posición dos empregados do Cidade fíxose pública o pasado fin de semana, despois do partido correspondente á 16ª xornada da 2ªb, que os enfrontou co Pontevedra.
O capitán do equipo, Pepe Rico, foi contundente cando se lle preguntou pola situación dos empregados antes da xuntanza deste venres. Nesta liña, reclamou á dirección do club que "non teña á xente enganada e, aínda que xa perdemos medio ano, polo menos non perder o que queda", facendo unha clara alusión ao comezo do período de fichaxes en xaneiro. Rico tamén lamentou ter "a impresión de que non se fixo nada até que os xogadores movemos ficha".
Pola súa parte o conselleiro delegado, Xosé Suárez Alén, defendeu a xestión da directiva xustificando que agora xa "non hai marxe para facer moitos movementos". Ao conversar sobre as pretensións da directiva con respecto aos empregados falou de que "pedimos que continúen todos aqueles que sigan crendo no proxecto do Cidade de Santiago". Aínda así, amosouse firme cando lembrou que "estamos traballando e isto é o que hai: ou se toma ou se deixa".
En definitiva trátase dunha etapa máis na caída sen fondo do Cidade de Santiago, cuxa directiva arriscou ca creación dun proxecto moi por enriba das súas posibilidades. No camiño atopáronse con problemas como o distanciamento do grupo Noyamóvil ou o enfrontamento coa TVG que se negou a pagar a cantidade esixida polos equipos galegos de 2ª B. Agora os empregados dan este ultimato a unha directiva que non remata de asumir a culpa derivada da súa mala planificación. As posíbeis solucións son dúas: a ruptura inmediata da relación profesional ou unha moratoria por parte dos empregados. Na noitiña deste venres sairemos de dúbidas.