O grupo de xogadores e técnicos que están a sorprender ao segundo grupo da 2ª B de fútbol levan tres meses sen cobrar.
Os empregados do Cidade apostan pola unión nestes momentos difíciles
O espectacular comezo de liga que vén realizando o Cidade de Santiago acaparou a atención dos afeccionados composteláns, ansiosos por ver medrar os seus equipos cara a elite do fútbol estatal. Co Cidade loitando por colocarse nas posicións de ascenso á Segunda División, a ilusión parecía querer volver a Compostela, pero da súa man veñen pantasmas dun pasado recente que estremecen aos que viviron o declive da SD Compostela hai pouco máis dun lustro.
No 2005 nace a SD Cidade de Santiago, resultado da conversión en Sociedade Anónima Deportiva do Club Atlético Fátima. Desde entón, o crecemento foi exponencial, até volver a situar un equipo da capital na Terceira División do fútbol estatal, despois de catro anos. Durante este verán foise confeccionando un equipo no que a veteranía de homes como Changui, Maikel, Pepe Rico ou Márcos Suárez tiñan o seu contrapunto en novos valores como Mackay, Jesús Sanchez, Gonzalo ou Rico.
Mais agora, tres meses despois de que xogadores e técnicos comezasen a traballar arreo para preparar a nova tempada, seguen esperando a recibir a primeira nómina. Como adoita acontecer neste tipo de situacións, os asalariados do club son os primeiros en percibir o impacto da precaria situación económica.
Botar o carro antes que os bois
A situación actual é o resultado dun espectacular crecemento deportivo que non foi correspondido polas infraestruturas do club. Así, seguen a ser catro as persoas que compaxinan a súas súas actividades profesionais coa dirección dunha entidade que conta hoxe con máis de 15 categorías. Ilusión e euforia mandaron sobre a prudencia cando se elaborou o equipo para a actual tempada, prevendo unha serie de ingresos que aínda hoxe non chegaron. Agora os socios son o único sustento dun equipo que comeza a afogar dentro da fermosa burbulla que até o momento constituíron os resultados deportivos.
Unión
O adestrador dos santiagueses, Luis Míguez, defende que "debemos frear as directrices desorbitadas que o fútbol colleu nos últimos anos, en divisións como a 2ª B, onde cada vez son máis habituais as denuncias por non pagar". Luisito propón como solución "asinar contratos realistas, para así poder pagar o que se promete".
Resignación e unión son as dúas premisas básicas dos empregados do Cidade de Santiago, que non queren parar a ver culpábeis dun problema que eles non poden solucionar. Mais non é fácil, como recoñece o adestrador compostelán cando confesa que "nós temos xogadores que son pais de familia ou outros que están a pagar unha hipoteca, por exemplo".
Aínda así o capitán do equipo, Pepe Rico, fala de que "nós só pensamos en gañar o domingo que é o noso traballo". Mentalidade que comparte Luisito asumindo o seu papel de titor para o grupo, nun delicado momento. O adestrador do Cidade defende que "só nos queda motivar os xogadores; a min correspóndeme transmitir optimismo ao grupo e o resto é competencia de outras persoas".
Tensa espera
O presidente do Cidade de Santiago, Xosé Suarez Alén, mantén a liña de optimismo pero, no medio dun discurso comedido, escápalle unha reflexión pesimista cando recoñece que "se non conseguimos unha solución económica, haberá que dar de baixa ao equipo, aínda que agora non queremos pensar nisto". Suarez Alén atópase en negociacións coa empresa Noyamóvil para acadar un acordo de patrocinio, nas que agarda ter avanzado a comezos da semana próxima. Mentres, opta por agardar prudente e apoiar os empregados, que están a resultar os máis damnificados.
Cando se lle pregunta polos culpábeis da actual situación, o presidente do Cidade afirma que son "todos: o club, pero tamén as institucións, empresarios da cidade e a propia masa social". Un discurso que chama a atención polas alarmantes semellanzas co lema detrás do que se escudaba Xosé María Caneda na última fase do declive que viviu a entidade que presidía. Agardamos que as semellanzas rematen aí, no compoñente vitimista dunha encuberta mensaxe de socorro.