Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTRA O GOBERNO

Medran en Grecia as peticións de eleccións anticipadas

Os enfrontamentos continuaron durante o funeral de Alexi Grigorópolus, o rapaz de 15 anos morto por un axente o sábado.

Redacción - 18:39 09/12/2008
Alexi Grigorópulos

Alexi Grigorópulos

Os disturbios continúan en Grecia por cuarto día consecutivo. Grupos de antidisturbios cargaron contra os centos de manifestantes que se apostaron este martes perante o Parlamento, en Atenas, como sinal de protesta pola morte dun mozo de 15 anos por un disparo dun axente o sábado.

A noite do luns xa houbo máis de 90 detencións. Mentres tanto, o Partido Socialista, na oposición, xa pediu que se convoquen eleccións anticipadas.

Nas aforas de Atenas, máis de cinco mil persoas de loito asistiron o martes á tarde ao funeral do rapaz, Alexi Grigorópulos. A súa morte encendeu os ánimos da mocidade grega, anoxada despois de anos de escándalos políticos, sumados ao aumento do paro e da pobreza, agora agravados pola crise mundial.

Os asistentes ao enterro aplaudiron ao paso do cadaleito branco de Grigorópulos, cuberto de flores. No exterior do cemiterio, a policía disparaba gas lacrimóxeno, respondido por cócteles molotov dos manifestantes.

O primeiro ministro, Costas Caramanlis, que ten a maioría absoluta por un escano, convocou unha xuntanza de urxencia cos líderes da oposición para que se lle unisen contra as revoltas e pediulles aos sindicatos que freen as protestas durante a folga xeral de 24 horas prevista para o mércores.

Tanto os sindicatos como os políticos de esquerdas rexeitaron as peticións do goberno e afirmaron que as reformas emprendidas por Caramanlis empeoraron as condicións de vida dunha quinta parte da poboación de Grecia, que se atopa por debaixo do limiar da pobreza.

George Papandreu, líder do Pasoc, declarou que "o goberno perdeu a confianza do pobo. O único que pode facer este goberno é dimitir e deixarlle ao pobo que decida".

As revoltas non se están a producir só en Atenas. Nas cidades septentrionais de Tesalónica e Ioannina, os manifestantes enfrontáronse coa policía e prendéronlle lumes a colectores de lixo, mentres que outros cidadáns gregos ocuparon o consulado en París, e foron secundados por máis protestas en Londres e en Berlín o luns.

Máis información de última hora:


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: