Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras a morte dun mozo a mans da policía

Continúan os disturbios en Grecia

Os medios de comunicación falan de decenas de feridos a causa dos enfrontamentos.

Redacción - 12:30 08/12/2008
Os disturbios continuaron o domingo

Os disturbios continuaron o domingo

As protestas pola morte dun mozo de 16 anos a causa dos disparos da policía, o pasado sábado, continuaron todo o domingo nas principais cidades de Grecia. Miles de manifestantes, que se concentraron avisados por unha cadea de mensaxes de móbil e a través da rede, enfrontáronse á policía. Os disturbios desenvolvéronse, sobre todo, en Atenas e Tesalónica, onde se queimaron varios coches, bancos e estabelecementos comerciais.

As peticións do ministro do Interior grego, Prokopis Pavlopoulos e do pai do mozo falecido así como a detención dos dous policías implicados no tiroteo non serviu para parar as protestas que, segundo os medios de comunicación do país, causaron decenas de feridos e detencións de manifestantes. Na noite do domingo Pavlopoulos reuniuse co primeiro ministro, Costas Karamanlis, para analizar a situación.

Detidos os policías acusados de matar o mozo
A revolta comezou o sábado á tardiña no barrio de Exarchia, en Atenas, tras o falecemento dun mozo de 16 anos a causa dos disparos dun policía. O axente acusado de matar o rapaz confesou que só disparou para avisar a unha trintena de mozos que atacaron o coche patrulla no que se atopaban. Porén algunhas testemuñas contradín a súa versión, sinalando que o policía lle disparou directamente ao mozo, sen que houbese ningún ataque previo.

O policía está detido, acusado de homicidio intencionado; e o seu compañeiro está acusado de complicidade.Arestora, aínda hai moitas rúas cortadas ao tránsito a raíz dos enfrontamentos entre a policía e os manifestantes, moitos deles pertencentes grupos da esquerda grega. A policía guindoulles gases lacrimóxenos, e os manifestantes responderon con cócteles molotov. En Tesalónica os activistas atacaron e incendiaron un automóbil da policía e pecharon algunhas rúas do centro con barricadas de coches queimados. En Ioannina tamén causaron desperfectos nun coche patrulla e houbo enfrontamentos nas estreitas rúas do centro.

Informacións de última hora:


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: