Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
NOVOS MATERIAIS DA 'XERACIÓN E LOGO!'

Non hai berce como a lingua

A secretaria xeral de Política Lingüística quera chegar nesta nova campaña a 15 mil familias para axudar á transmisión do galego aos máis pequenos.

Redacción - 10:45 10/12/2008

Durme ben, durme Meu Rolo,
que non hai berce coma o colo
que non hai berce coma o colo
durme ben, durme Meu Rolo.


E Rorro, rorro meu neno!
é unha das cantigas de berce incluídas no cd Aloumiños de seda que a Secretaría Xeral de Política Lingüística repartirá entre as mulleres que vaian ter un fillo ou que acaben de telo. Non hai berce coma o colo e non hai berce coma a lingua. O cd inclúe seis pezas musicais orixinais compostas polo pianista Abe Rábade para os poemas Flor de Liño, de Anxo Angueira e María do Cebreiro, Canción das tres culleres, de Luís Pimentel, Trigo e Estrelas, de Helena Villar e Xesús Rábade, Auga Limpa, de Rosalía de Castro e Onde vai a miña nena, de Manuel Leiras Pulpeiro, e foi presentado este martes polo propio Abe Rábade e Guadi Galego, que canta varias das pezas, canda a Ramón Bermejo, Joana Machado e Terela Gradín.

Non é o único material que se distribuirán través da rede de centros do Servizo Galego de Saúde para todas as mulleres embarazadas. Na consulta do seu médico, as futuras nais recibirán un maletín con información, consellos para o embarazo, un caderno de xestación, unha escolma de nomes galegos de neno e de nena, recitativos para o bebé e un CD que este ano se renova respecto do que se entregou na anterior edición. Ademais, o maletín inclúe outra novidade, un adhesivo deseñado polo debuxante Kiko Da Silva para lles pedir precaución aos condutores e sinalizar a presenza no coche do bebé.

Todos os materiais escritos que se entregan neste maletín da Xeración E logo! 2008 están dispoñibles para a descarga na web da campaña www.palabrasencadeadas.com. Dentro deste sitio web, e asociado a esta iniciativa, ponse en marcha o Anenotario, un espazo de participación para que pais e nais compartan as anécdotas dos seus cativos. As mellores anénotas terán premios en forma de libros, música e materiais para o lecer infantil en galego.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: