A web 2.0 da Axencia Audiovisual Galega permite interactuar arredor dos filmes do país e velos completos cunha calidade aceptábel.
A Axencia Audiovisual Galega acaba de poñer en marcha unha novidosa iniciativa na internet. O seu nome está ligado, indirectamente, ao cinema: Flocos.tv. A web achégalle ao público filmes do país completos con alta calidade de imaxe e crea unha rede social arredor do sector.
A páxina aspira a incluír boa parte das producións que foron subvencionadas pola Consellaría de Cultura, aínda que tamén está aberta a filmes realizados á marxe das axudas das administracións. Recupera tamén producións históricas, de tipo amador e mesmo adiantos de próximas estreas. Todo isto está dividido nas seccións Ficción, Animación, Documental, Experimental e Ciclos.
Pero Flocos.tv é tamén unha rede social, ao estilo da web 2.0, que xa comeza a contar cun importante número de usuarios. Pódense inscribir tanto creadores audiovisuais como xente afeccionada, que ten a posibilidade de facerse 'fan' das súas producións favoritas, comentalas, valoralas e compartilas noutras redes sociais. Tamén é posíbel engadir amigos e seguirlles o rastro tanto ás súas amizades audiovisuais como aos seus creadores favoritos.