A Axencia Audiovisual Galega, dependente da Consellería de Cultura e Deporte, xa conta co seu portal, que servirá para darlle apoio á creación do sector no país e consolidar unhas producións con identidade propia dentro do mundo globalizado. A web inclúe un taboleiro de anuncios no que se publican actividades e novas relacionadas co audiovisual galego, ademais de ligazóns de interese e unha recompilación de axudas e ofertas e demandas.
Tamén dispón dunha oficina de produción, na que se prevé ofertar ferramentas que permitan xestionar proxectos audiovisuais subvencionados pola consellaría que dirixe Ánxela Bugallo, e outra de promoción, para dar a coñecer eses traballos. O portal complétase cunha mediateca en que se irán colgando os documentos audiovisuais que xurdan destas axudas.