Estalicón de orellas do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que se pronuncia en contra do almacenamento de perfís de ADN de persoas sen vínculo criminal.
Segundo estabelece a sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo, unha vez investigado o presunto delito e cando se estabelece que os suxeitos analizados non teñen vencello co suposto crime, non deben conservase mostras xenéticas destes individuos. O contrario, segundo este tribunal, racha co artigo 8 da Convención dos Dereitos Humanos, que estabelece o respecto pola vida privada e familiar.
Na actualidade, no Reino Unido permítese a retención "sistemática e indefinida" dos perfís biolóxicos dos cidadáns, mesmo cando os correspondentes procesos xudiciais tivesen resolvido a prol do acusado. Son deste xeito arredor de cinco millóns de mostras de ADN as que están nas bases de datos do Reino Unido, e calcúlase que sobre 500 mil serían de persoas sen vínculos con ningún tipo de incriminación nos casos investigados. Só en Escocia se eliminan as mostras xenéticas cando se pecha o caso.
Malia a resolución de Estrasburgo, a ministra británica de Interior, Jacquie Smith, aseguraba este xoves que o goberno do Reino Unido avaliará a decisión do Tribunal antes de decidir sobre esta base de datos de ADN. Sinalou a ministra que a policía británica recolle máis de 3.500 mostras cada mes e cualificou os datos de "vitais" na loita contra o crime.