En concreto, increméntase en outros 1,5 millóns de euros a partida reservada en 2008 para casas situadas no rural e en conxuntos históricos.
A Consellaría de Vivenda decidiu incrementar en 1.520.907 euros o orzamento destinado en 2008 para as axudas de rehabilitación de vivendas no rural e en conxuntos históricos. A medida prodúcese logo do elevado número de solicitudes recibidas durante o prazo aberto entre o 5 de xuño e o 30 de setembro.
O departamento que dirixe Teresa Táboas ten previsto destinar a este programa 20,9 millóns de euros deica 2010. En concreto, o orzamento para 2008 ascende agora a 8.670.907 euros. Para 2009 mantéñense os 6.930.000 previstos. E, finalmente en 2010, o investimento total será de 5.340.000.
Segundo informan dende a consellaría, estas subvencións van destinadas a unidades familiares cuns ingresos que non superen os 23.475 euros anuais. Ademais, a vivenda debe ser residencia habitual do solicitante e, en caso de estar no rural, ter unha antigüidade mínima de 15 anos. Os propietarios poden recibir até 24 mil euros para obras de rehabilitación e 30 mil para as de renovación.