As asembleas decidiron por unha maioría moi axustada aceptar a última proposta da patronal e volverán ao traballo na noite deste xoves.
Logo de 12 días de paro indefinido, a folga quedou desconvocada. Sindicatos e patronal chegaron a un acordo que foi ratificado polas asembleas de traballadores. A proposta aceptada contempla a sinatura dun convenio colectivo para os vindeiros tres anos e inclúe un incremento salarial de 30 euros o primeiro ano e 40 euros para cada un dos outros dous. Asemade, estabelécese unha cuarta paga de 60 euros, a cambio de que a antigüidade se compute por cuadrienios, no canto de trienios. Doutra banda, acordaron que os pluses se incrementen co IPC real e que o plus de nocturnidade compute para o salario base no caso de baixa por accidente ou enfermidade. Xunto destas medidas, tamén se aprobou o estabelecemento dun día máis de libre disposición e de 22 días de lactancia.
Sen unanimidade
As peticións que facían inicialmente os traballadores era a suba salarial de 60 euros liñais, unha cuarta paga, o cen por cen das baixas e cinco días de asuntos propios. Malia non acadar a totalidade das súas reivindicacións, as asembleas decidiron por maioría aceptar a proposta da patronal. Con todo, o apoio non foi unánime, senón que as votacións depararon unha vitoria axustada dos que defendían a volta ao traballo. Vigo foi, neste senso, determinante, xa que máis dun 90% dos operarios de limpeza apoiaban a proposta. Non sucedeu igual en Pontevedra nin en Vilagarcía.
Mentres a CIG defendía a continuidade da folga en tanto non se acadaban máis melloras, UXT e CCOO apostaron pola finalización do paro. Con todo, Tránsito Fernández (CIG) aceptou que "é a maioría quen decide" e destacou a unión sindical demostrada polas tres centrais durante estes días de mobilización. No mesmo sentido se manifestaron as voceiras dos outros sindicatos convocantes. Rosa Acuña (UXT) defendeu que "se ben non é o mellor acordo posíbel, hai que ser realistas e aceptalo" e acusou á patronal de "xogar moi sucio". Pola súa banda, Violeta Paz (CCOO) agradeceu a entrega dos que estes días protagonizaron as mobilizacións.
Volta ao traballo
A folga indefinida afectou a hospitais, empresas, a Universidade de Vigo ou ás grandes superficies comerciais, entre outros. Iniciouse logo de que a patronal impugnase un principio de acordo acadado cos sindicatos no pasado mes de maio, co que na actualidade as representantes sindicais son cautas coas decisións empresariais. Segundo o convenio aínda en vixencia, o salario medio dun traballador de limpeza rolda os 753 euros mensuais. Unha vez asinado o novo convenio, volverán ao traballo na noite deste xoves.