O blogueiro Calidonia compara nun gráfico o proporcionalmente desmedido que sae o custo de se conectar a internet no rural do país.
Segundo os datos tirados do informe eEspaña 2007 da Fundación Orange, o rural galego ten as conexións á internet máis caras de toda a OCDE. O blogueiro Calidonia extrapolou os datos en dólares internacionais e chegou á conclusión de que a posición da Galiza rural é francamente mellorábel.
Para efectuar a comparación, Calidonia tivo en conta a habitual conexión rural de 512 kbps por 29,90 euros, que sitúa unha ampla área do país na cola da clasificación. A moita distancia, xusto por riba, sitúase México, que é o único membro da OCDE ao que supera o Estado Español, que é antepenúltimo.
No outro extremo están os países máis avanzados no que se refire a conexións á internet: Xapón, Suecia, Corea do Sur, Finlandia e Francia, onde resulta máis barato contar cunha banda moito máis larga ca a de aquí.
Na súa reflexión, Calidonia relaciona o atraso da banda larga no país coa existencia de canons, sociedades de autores e a inoperancia dos ministros galegos en Madrid.