Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

O BNG pedirá que o 100% dos galegos poidan acceder á banda larga

O grupo parlamentario nacionalista considera que o 20% dos habitantes queda fóra e os servizos que se ofertan no rural son de menor calidade e máis caros.

M. del Río - 16:40 05/03/2008

Os datos que achega o Ministerio de Industria sobre a extensión da banda larga no rural non se axustan á realidade. Así o constataron o voceiro de Innovación e Industria do BNG no Parlamento, Fernando Blanco Parga, e mais o voceiro do grupo parlamentario nacionalista, Carlos Aymerich.

Aínda que os datos achegados polo goberno español amosan que hai un mes só faltaban 1.764 núcleos por cubrir dos 27.000 previstos, o certo é que aínda hai unha porcentaxe alta de habitantes do rural que carecen de conexión á internet de banda larga, o que, a xuízo do BNG, impide que se supere a fenda dixital entre rural e urbano e entre Galiza e o Estado.

Blanco Parga asegurou que aínda hai 220.000 galegos que carecen dun servizo cada vez máis necesario, pois a empresa encargada de estender a banda larga en Galiza, Telefónica, considera cuberto un núcleo se o 80% dos seus habitantes teñen acceso, o que deixa fóra o outro 20%. Ademais, ofértanse velocidades moi inferiores ás das cidades, de 512 kilobits por segundo ou mesmo da metade no caso das conexións por Wimax ou por satélite. Por se fose pouco, os prezos son máis elevados no rural, de até 100 euros ao mes no caso da internet vía satélite.

O parlamentario do BNG achegou datos do INE que confirman o atraso de Galiza en telecomunicacións, como a baixa porcentaxe de computadores nos fogares, cun 51%, e o escaso acceso á banda larga, do 25%, só por riba de Extremadura. Ademais, no noso país, o 40% das persoas que non teñen conexión á internet alegan a falta de dispoñibilidade como motivo principal, fronte ao 19% da media estatal. Isto perpetúa a fenda dixital, segundo Blanco Parga, e non só nos núcleos rurais, senón tamén nos periurbanos e en moitos polígonos industriais.

Para resolver a situación, da que Carlos Aymerich afirmou que "desbarata" a estratexia do Goberno de acadar o equilibrio territorial, o BNG presentará unha proposición no Parlamento e mocións nos concellos esixindo que o Ministerio de Industria achegue a cobertura de banda larga ao 100% do país, cunha velocidade mínima dun megabit por segundo e cun prezo semellante ao que os proveedores cobran nas áreas urbanas.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: