Feijóo critica a "segunda e última entrega do engano económico" do bipartito.
Os Orzamentos para 2009 van dirixidos a afrontar a crise, actuando sobre aqueles aspectos que máis poden axudar a darlle pulo á actividade económica e a manter o emprego. É dicir, impulsar o investimento produtivo e reforzar as políticas sociais. Así o considera cando menos o Goberno -que este luns presentou as partidas no Parlamento para o seu debate en pleno-, non así a oposición.
Mentres o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, defendeu "o rigor" e "a austeridade" das contas, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, cualificounas de "segunda e última entrega do engano económico" do bipartito. O primeiro produciuse, para o popular, xa nas contas deste ano, "o maior engano económico nos 27 anos de autonomía", dixo.
En concordancia co discurso do seu líder, o PPdeG presentou unha emenda á totalidade, que PSdeG e BNG rexeitaron. Núñez Feijóo lamentou que o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, non fose o que defendese as contas, e en troques si vaia comparecer este martes ante a Cámara para falar sobre a situación económica.
Feijoo asumiu que existe unha crise mundial. No entanto, engadiu, hai "unha específica de España e de Galiza", pois "o paro aféctanos máis" ca outros países. Por iso, xustificou a petición de devolución das contas que segundo o seu grupo son "irreais, inútiles e non saben afrontar a crise e o paro". "Non conten connosco para ser cómplices deste presuposto", dixo.
Mellor ca en 2005
O titular de Economía recriminoulle ao xefe da oposición que mantivese o mesmo discurso que cando o Goberno cumpría por riba das súas previsións, como en 2006 e en 2007. Dixo, tamén, que a evidencia era que Galiza está mellor ca en 2005, e que teñen o convencemento de que a recuperación económica no noso país dará comezo na segunda metade de 2009, poucos meses despois das eleccións ao Parlamento.
Na súa quenda de intervención, os voceiros do PSdeG e do BNG, Xaquín Fernández Leiceaga e Carlos Aymerich, respectivamente, coincidiron en criticar a intervención de Núñez Feijóo e en valorar positivamente as contas, "axustadas ao momento actual".