O ministro de Economía anuncia un paquete de medidas valorado en 23.500 millóns de euros, entre as que se atopa a rebaixa do IVE.
Aumentar as cargas tributarias a aqueles que teñen unhas rendas máis elevadas. Esta é unha das medidas que propón o goberno británico para loitar contra a crise. O ministro de Economía, Alistair Darling, anunciou canda esta un paquete de medidas que ascenden até 20 mil millóns de libras (23.500 millóns de euros) para estimular a economía.
Este aumento de cargas fiscais consiste no incremento do tope fiscal do 40 ao 45% para aqueles que teñan ingresos superiores ás 150 mil libras (176.400 euros). Outra das medidas máis salientábeis é o anuncio dun descenso do 2,5% no IVE británico, que pasa do 17,5% até o 15%, unha medida que entrará en vigor até 2009, cando se prevé que a situación económica mellore. Este plan de rescate foi anunciado durante a presentación dos orzamentos preliminares do Estado para o curso 2009-2010 e, neles, contémplanse outras medidas como axudas a pensionistas, recortes en diversos impostos ou subvencións ás pequenas empresas.
Reaccións en Europa
A medida xa foi criticada moi duramente pola oposición británica, que a considera pan para hoxe e fame para mañá. Así, o voceiro económico da oposición, o conservador George Osborne, opúxose a esta iniciativa por considerala "temeraria para o futuro" e moi "pouco prudente". As reaccións foron até o de agora similares no continente europeo.
No Estado Español, o secretario de Estado de Economía, David Vergara, xa descartou que se adopten políticas similares, xa que considera que "a do Reino Unido e a do Estado Español son situacións distintas que merecen respostas diferentes", ao tempo que lembrou que "aquí o IVE é un dos máis baixos de Europa". Na mesma liña se manifestaron xa a canciller alemá, Angela Merkel, e o presidente francés, Nicolás Sarkozy.
Así están a recoller a noticia os diarios británicos:
- The Times (Alistair Darling announces £20 billion economic boost)
- The Guardian (Darling plans £20bn giveaway to tackle year of recession)
- BBC News (Darling cuts VAT in pre-Budget)