Será un dos primeiros mercados internacionais onde se introducirán estes modelos. Ao tempo, Cataluña puxa por centralizar a produción no país.
O goberno portugués e a alianza das marcas Renault-Nissan asinaron o acordo final 'Zero Emission Mobility', segundo o cal o país veciño vai crear unha rede de abastecemento de vehículos eléctricos.
O acordo chega catro meses despois de que as multinacionais Renault e Nissan escollesen o portugués como un dos primeiros mercados, a nivel internacional, no que se introduzan para a súa compravenda, os seus modelos de coches eléctricos. A partir do ano 2010 Portugal abrirá 320 locais de venda deste automóbiles, un número que chegará aos 1.300 a finais de 2011, segundo a Agência Lusa.
Quen merque estes 'carros' terá beneficios fiscais
O primeiro ministro portugués, José Sócrates, anunciou esta semana incentivos para quen merque estes automóbiles eléctricos, ademais de incentivos fiscais para as empresas que opten por este tipo de coches. O goberno portugués pretende que en 2011 o 20% da frota automobilística do país teña emisións cero de CO2.
Unha estratexia para manter as multinacionais en Cataluña
Por outro lado, este tipo de vehículos debúllanse, en Cataluña, como un bo recurso para manter as plantas de Nissan no país. Hai quince días, coa crise zoupando no sector do automóbil -e con máis dun milleiro de empregados de Nissan manifestándose ás portas do Palau da Generalitat, polos 1.680 despedimentos anunciados pola multinacional-, os ministros de Industria e Traballo, Miguel Sebastián e Celestino Corbacho, respectivamente, e o presidente da Generalitat, Josep Montilla, xuntábanse para expoñer as medidas a tomar. A primeira: a creación dun grupo de traballo entre os dous executivos e a Nissan, no que se ratificou a aposta dos dous gobernos pola centralización, en Barcelona, da fabricación de coches eléctricos, a pesar de que a alianza das dúas marcas asignoulle xa este proxecto á factoría de Flins (Finlandia) e estuda darllo tamén á planta que Renault ten en Valladolid.
Na xuntanza, o conseller de Innovació da Generalitat, Josep Huguet, asegurou que este encontro fora o primeiro de "coordinación seria" e ofreceu destinar axudas de investigación ao novo vehículo, mais se o goberno español fai o mesmo coas súas subvencións. Porén, aínda non se coñecen as posibilidades que barallan Nissan e Renault.