"Non saben a sorte que teñen", comentou o prestixioso cociñeiro vasco Martín Berasategui, revelando que hai anos que fai provisión en Galiza das mellores talladas. A nova marca colectiva da carne de vacún pretende relanzar o sector. Vexan o vídeo no interior.
O "valor engadido" para o contorno agrogandeiro do rural do país foi unha idea na que insistiron este venres en Silleda os diversos persoeiros e expertos que participaron na presentación de VAC.1, a marca colectiva "de calidade" deseñada para a carne de vacún do país. Ao evento púxolle música gastronómica un dúo de cociñeiros con prestixio internacional, o vasco Martín Berasategui e o italiano, galaico de adopción, Flavio Morganti. A catro mans, deleitaron os presentes a pé de fogóns improvisando un par de pratos baseados na bautizada "carne carne".
Entre chiscadelas e tixolas Berasategui revelou que desde hai anos conta con provedor de carne galega, a onde acode na procura das talladas coas que arma as viandas que tanta sona lle fixeron gañar no escenario da gastronomía internacional. Aló participou tamén o italiano Flavio Morganti, restaurador instalado en Galiza desde hai anos e autor da xoia literaria "Vacas: a súa dignificación sexual e gastronómica", volume en galego mundialmente premiado. Os dous expertos insistiron na calidade do vacún galego e a necesidade de iniciativas que, como a que esta xornada os xuntou, exploten o seu potencial no mercado.
Importante valor engadido para as explotacións gandeiras do país
A marca VAC.1 este venres presentada pretende explotar unha vía comercial pouco espremida, a das vacas adicadas á produción de leite. As que coñecemos no común como vacas frisonas, cando deixan de ser produtivas no ámbito leiteiro, son enviadas ao matadoiro, fornecendo dunha carne que, malia a súa alta calidade, paradoxalmente é pouco valorada no mercado.
Así, e coa fin de revalorizar esa canle, e nun país como Galiza onde arredor de 335 mil vacas están dedicadas ao leite, xorde o proxecto VAC.1, promovido pola Consellaría de Medio Rural e consensuado cos diversos axentes do sector. A iniciativa cristaliza ademais logo dun ano de traballo desde o Centro Tecnolóxico da Carne e a Asociación Galega da Carne. A investigación realizada concluíu que a metade destes animais poden ser cebados a través dun proceso selectivo de millo e outras forraxes, aumentando a calidade e a cantidade, xerando desta forma importantes beneficios adicionais para os seus propietarios ao tempo que se axuda á diversificación das explotacións.
Tal e como explicou o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, a iniciativa de "posta en valor que introduce o selo VAC.1, vai elevar significativamente o volume de negocio no sector. Segundo a previsión a catro anos realizada pola administración, que prognostica que até 30 mil vacas e 75 mil xatos queden vencelladas á marca nese período, xeraríanse nun só ano até 86 millóns de euros en primeira venda. Ao tempo, a modificación na dieta proposta para os animais mellora significativamente a súa alimentación e de paso mobiliza superficie agraria. O selo VAC.1 enche así oco no mercado vacún, complementando a xa exitosa indicación xeográfica protexida "Tenreira Galega". A marca estabelece ademais un control estrito de todo o proceso, desde a cría até a tenda, co obxecto de garantir diante dos consumidores a oferta de "carne de primeira".
"Vacaterapia"
"Posoloxía: Tenta desestresarte pensando como unha vaca, co estómago cheo, cando menos 10 minutos ao día. Os teus familiares, amigos, clientes, pacientes ou subalternos, e todos os que te soportan, vancho agradecer. Contraindicacións: ningunha" (Tirado da obra "Vacas: a súa dignificación sexual e gastronómica")
Para ampliar, falan os blogogastrónomos: