As melloras nas sementes permitiron acoutar o virus que estragaba nos últimos anos as colleitas.
Os labregos da rexión dos Grandes Lagos volven colleitar mandioca san. Logo de anos de colleitas totalmente estragadas por mor dun virus, na última tempada distribuíronse sementes libres da praga a perto de 330 mil pequenos campesiños de Burundi, República Democrática do Congo, Ruanda e Uganda.
As colleitas van ser fundamentais para a alimentación de perto de 1,6 millóns de persoas. Eric Kueneman, xefe do Servizo de Cultivos da FAO, sinalou que sacar adiante esta colleita é un importante paso adiante nunha crise que en 2007 levou á extrema pobreza a perto de 75 millóns de persoas.
A FAO calcula que cada africano consome ao ano arredor de 80 quilogramos de mandioca. Por iso, cando unha agresiva cepa dun virus denominado “mosaico da mandioca” arramplou coas colleitas, as consecuencias foron desastrosas.