O Goberno estabelece un seguro para a compra de coche ou vivenda que lles garante ás familias o pago das cotas no caso de perder o emprego.
A Xunta aproveitou o escenario de crise económica para botar adiante unha medida inédita no ámbito estatal que posibilitará que os traballadores que vaian ao paro poidan manter o pago das cotas dos créditos que no seu caso tivesen contratados para a adquisición de vehículos e compra ou reforma de vivenda. Trátase dunha axuda para a contratación de seguros de crédito que pretende facilitar a concesión de financiamento por parte das entidades financeiras.
Segundo explicou o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, o executivo espera que deste xeito "ninguén en Galiza pospoña a súa decisión de investimento ou gasto polo medo a quedar no paro". "Ese risco non lle custará nada", engadiu Touriño, explicando ademais que a iniciativa contribuirá a dinamizar o consumo en sectores como o da construción e a automoción. Xa que logo, o seguro cubrirá tres eixos: a compra de coche, a adquisición de vivenda e a reforma da casa ou piso destinada a aforro enerxético e sustentabilidade. A Xunta cuantifica en 850 millóns de euros o volume de operacións de financiamento que mobilizaría un proxecto para o que orzamentará 10 millóns de euros.
Por outro lado, o Consello de Goberno deste xoves fixou 19 millóns de euros para un programa de fomento do emprego co que estima que sería posíbel a creación a curto prazo de 2 mil novos postos de traballo no desenvolvemento de actuacións no medio natural e o mantemento de estradas. O conxunto de actividades propostas inclúe a posta en valor de sistemas fluviais e espazos naturais diversos, despregando tarefas de limpeza de marxes e sendas, camiños, fontes ou áreas de descanso. Outra parte do proxecto e o deseño de máis accións silvícolas e preventivas no monte: desbroces, podas, eliminación de restos e masas arbóreas, rareos sistemáticos e obras preventivas de incendios forestais. O terceiro eixo sae da "intensificación" dos programas de conservación e mantemento da rede galega de estradas. De xeito paralelo, o executivo orzamentou 10 millóns de euros para un programa de incentivos para o autoemprego de parados de longa duración.