Prepara unha partida orzamentaria "excepcional" para evitar que se presenten novos EREs. Os sindicatos critican que as axudas se limiten só ao mes de decembro.
O Goberno está preparando unha partida orzamentaria "excepcional" para evitar que a crise siga a zoupar no sector da automoción en forma de EREs (Expedientes de Regulación de Emprego), ante o anuncio de que Citroën podería só traballar en decembro catro días, o que afectaría aos traballadores eventuais e aos das industriais fabricantes de compoñentes.
Plans de formación para traballadores en activo
Esta segunda feira xuntouse en Compostela unha representación gobernamental -das Consellerías de Traballo e Economía-, dos sindicatos (CIG, CCOO e UXT) e empresarios (agrupados en Ceaga e Asime) no Foro da Automoción, para debater que medidas tomar a curto prazo para paliar a posíbel perda de postos de traballo neste sector. De entre elas, as axudas económicas da administración, que poderían roldar, segundo fontes oficiais, entre os oito e os 10 millóns de euros, e que se canalizarían a través das organización empresariais. Estes cartos irían destinados a formar traballadores en activo naquelas xornadas nas que se pare a produción, mantendo os soldos e evitando que as empresas recorran aos EREs, mais só durante o mes de decembro.
A Xunta toma esta medida, aínda non concretada, despois de que a semana pasada a dirección do grupo PSA Peugeot-Citroën anunciase a supresión de entre 800 e 900 postos de traballo eventuais na súa factoría en Vigo, ao terminar cunha das quendas nocturnas, e recortase aínda máis os días de produción para o mes que vén. A noticia fora acollida con pesimismo por empresarios e sindicatos, que prevén aínda a apertura de máis EREs na industria auxiliar, as empresas fabricantes de compoñentes, que dependen da multinacional, sobre todo na comarca de Vigo. Hai que lembrar que a industria auxiliar de Citroën en Galiza está composta por unha rede de 70 provedores e 15 mil traballadores. Até o de agora, sete empresas do sector presentaron EREs temporais que afectan a perto de 1.500 empregados.
Esta terza feira, a patronal Ceaga entregaralle unha listaxe a Traballo na que se indica o número de traballadores afectados e os días de axuste necesario para o último mes do ano.
Un plan que só vale para decembro
O Foro Galego da Automoción aínda se vai xuntar esta terza feira en Vigo, para definir a que empresas se van destinar directamente as axudas, en base a "criterios de responsabilidade social". Os sindicatos rexeitan que se subvencione ás empresas que presentaron os EREs antes de esgotar as medidas de flexibilidade que recollía o convenio. Ademais, como as axudas están restrinxidas, nun comezo, ao mes de decembro, os sindicalistas tamén sinalan que haberá que pensar que facer cando chegue xaneiro.
Porén, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presente a pasada segunda feira en Vigo para presentar o anteproxecto da depuradora da Lagares, sinalou que a Xunta vai articular "todas as medidas posíbeis e necesarias" para garantir a viabilidade desta inxección económica á automoción. Touriño tamén revelou que esta semana ten previsto reunirse co director da multinacional en Vigo, Pierre Ianni, para falar da situación da factoría.
O BNG preguntaralle ao ministro de Industria polos problemas de Citroën
A deputada do BNG no Congreso, en Madrid, Olaia Fernández Davila, solicitou esta terza feira a comparecencia do ministro de Industria, Miguel Sebastián, para explicar a situación de crise que está a vivir o sector da automoción e, de xeito específico, o que está a acontecer na factoría de Citroën en Vigo. Á deputada nacionalista interésalle coñecer as perspectivas de futuro do sector, así como as actuacións e xestión que vai desenvolver o goberno español sobre os "graves problemas" que afectan "a un sector que dá traballo a milleiros de persoas".