Malia o desemprego na zona, os habitantes do Norte de Portugal prefiren traballar na Galiza pola grande diferenza salarial.
A empresa alemá é das máis importantes do sector
"Enercon exixe moito e paga pouco", coméntalle Fernando Branco, da União de Sindicatos de Viana do Castelo, ao Jornal de Notícias. A empresa alemá está a instalar un clúster eólico na bisbarra portuguesa, onde prevé investir un total de 200 millóns de euros e crear 2.500 postos de traballo directos.
Dúas fábricas con 530 operarios xa están en funcionamento. Enercon precisa doutro medio milleiro de empregados para as novas instalacións de elaboración de pas de rotor que comezarán a súa actividade dentro dun ano. Porén, "a grande operación de recrutamento" lanzada esta semana pola empresa está a ser un fracaso, malia a alta taxa de desemprego na zona.
"A empresa pretende dar a entender que non se quere traballar, cando en realidade existe unha desmotivación por parte dos candidatos debido aos salarios que se pagan", di Branco, que asegura que "na súa gran maioría andan entre o mínimo e os 500 euros". Por iso, o representante sindical di que son moitos os que seguen a "optar por probar sorte na Galiza onde se gaña o dobre ou o triplo".