Manuel Rivas, José Saramago ou Pilar Bardem, entre outros, amparan a investigación do xuíz sobre as desaparicións da Guerra Civil e o franquismo.
O manifesto, que se presentará publicamente o vindeiro xoves, reclama que as "vidas conmovedoras" dos desaparecidos do franquismo e o seu "sacrificio a prol da liberdade" sexan "recoñecidos sen distinción" por aqueles que se consideren "sensíbeis e demócratas". Así, láiase do "desproporcionado ataque" que está a recibir o labor de Garzón dende "ámbitos determinantes" e a "alarma e indefensión dos demandantes" que está a crear na sociedade".
Os que asinan o texto son un grupo de intelectuais e artistas, entre os que se atopan Manuel Rivas, José Saramago, Juan Goytisolo, Ernesto Sábato, José Luis Sampedro, Paco Ibáñez, Pilar Bardem, Ian Gibson, Emilio Lledó, José Vidal Beneyto, Cristina Almeida e Fanny Rubio. Ademais de amosar o seu apoio ao traballo "encomiable" do titular do Xulgado de Instrución número 5 da Audiencia Nacional, reclaman a memoria de "quen dignificou a democracia coa inmolación das súas vidas", porque "forman parte dun dos capítulos máis xenerosos da memoria española do século XX". Por iso, reiteran que "non queremos permanecer impasíbeis ante a evidencia deste crime contra a humanidade que se perpetrou contra eles no nome dun Estado golpista, nin ante as manobras para separar á Audiencia Nacional deste caso".
Querela contra os xuíces que pararon as exhumacións
Mentres os intelectuais suman adeptos á causa de Garzón, a neta do presidente do goberno da II República Juan Negrín, interpuxo unha querela por prevaricación ante o Tribunal Supremo. Denuncia así aos maxistrados da Audiencia Nacional que votaron a favor de paralizar as exhumacións de desaparecidos durante a Guerra Civil e o franquismo.
No escrito, Carmen Negrín alega que o pasado día 7 de novembro, os querelados ditaron " a sabendas" unha resolución inxusta, o que supón a paralización da investigación iniciada polo xuíz Garzón. Segundo denuncia, malia as advertencias doutros cinco maxistrados, a maioría do pleno da Sala do Penal aceptou unha petición do fiscal presentada á marxe do procedemento e sen interpoñer recurso previo contra as providencias que autorizaban a apertura das fosas.