Hai 10 anos que o municipio emprega a mesma frase para promocionar a vila. Os asturianos non van renunciar ás cores e piden a retirada "inmediata" da campaña.
"Galiza; azul e verde", este é o lema que o Goberno empregou na súa última campaña turística, lanzada a nivel estatal. Até o de aquí non había problema, xa que as dúas cores parecían describir ben a nosa paisaxe, e non molestar a ninguén. O conflito comezou cando souberon desta nova publicidade no concello asturiano de Cudillero, onde hai unha década que promocionan o seu municipio co lema "Cudillero, azul y verde" (Cudillero, azul e verde), unha frase que só difire nunha palabra, da que agora escolleu a Xunta.
Cudillero pide que se retire "de inmediato" a propaganda galega
Ao concello de Cudillero, non lle sentou nada ben que Galiza lles "copiase" o lema. Segundo publica o xornal La Nueva España, de Oviedo, o alcalde pixueto -xentilicio dos habitantes de Cudillero- Francisco González (PSOE), ten intención de lle enviar unha carta "directamente ao presidente da Xunta" pedíndolle a retirada da campaña, que considera "un plaxio" do slogan municipal. "Do contrario, imos ter que recorrer a outro tipo de vías que non quixeramos ter que empregar", matiza o rexedor a este diario asturiano.
"Aínda que existe unha diferenza entre o tamaño das dúas administracións, e tamén diferenzas nos seus orzamentos, a Xunta debe darse conta de que neste caso o tamaño non importa, e está claro que o slogan é noso; así aparecer, dende hai 10 anos, en toda a propaganda que se fai do noso concello", explicou González. Porén, o alcalde non precisou se o lema foi rexistrado, só revelou que foi obra do pintor local Pepe Cándamo, que llo cedeu ao rexedor "un día, mentres comiamos unhas parrochas e tomabamos un chato de sidra. Eu leveino ao Pleno e gustou".