Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CÚMPRENSE AS PREVISIÓNS

A economía española contráese por vez primeira en 15 anos

Italia e Alemaña xa entraron en recesión, o Estado Español confirma o seu primeiro trimestre de crecemento negativo (-0,2%) e Francia sortea as dificultades.

Redacción - 10:06 14/11/2008

A economía segue acadando marcas negativas históricas. Desta volta, o Instituto Nacional de Estatística (INE) deparou unha contracción da economía dun 0,2% no terceiro trimestre do ano, fronte ao crecemento do 0,1% do trimestre anterior. Estes datos supoñen a primeira vez que o PIB rexistra un crecemento negativo nos últimos 15 anos. A estatística coincide plenamente coas estimacións que realizara o Banco de España, que prevía un crecemento interanual do 0,9% para o terceiro trimestre do exercicio e unha contracción intertrimestral do 0,2%.

O INE atribúe a moderación no ritmo de avance interanual do PIB á menor contribución da demanda nacional, que se viu parcialmente compensada polo sector exterior. Doutra banda, advirte de que tanto o consumo privado como a inversión caeron neste terceiro trimestre. Detrás deste debilitamento do consumo das familias está a perda de confianza e tamén a evolución máis desfavorábel dos factores que o determinan directamente, como a destrución do emprego e a menor renda dispoñíbel ante a elevada inflación.

Situación similar en Europa
Todos os prognósticos apuntan a unha maior desaceleración da economía nos vindeiros meses: o Estado Español estaría ao borde da recesión económica (dous trimestres consecutivos con crecemento negativo). Pola súa banda, Alemaña xa entrou neste período económico, segundo ven de confirmar a Oficina Federal de Estatística, de igual xeito que Italia (xa acumulou dous trimestres de perdas -0,4% e -0,3%). Mentres, Francia está a esquivar a temida recesión malia o seu crecemento contido (+0,1%).


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: