 
Este xoves participaron no encontro Josep Bargalló, director do Instituto Ramon Llull, ou Mary Fé Boix, Vicedirectora da Feira de Frankfurt.
A primeira das dúas xornadas do Simposio da Asociación Galega de Editores, dedicado nesta ocasión á internacionalización do libro galego, e que se pecha este venres no Consello da Cultura, contou coa presenza de Ánxela Bugallo, que apostou en nome do departamento que dirixe por "aumentar lectores e horizontes". Bugallo avogou por "sumar esforzos" e manter as actuacións orientadas a proxectar a cultura galega, ademais de lograr "unha máis sólida representación nos distintos ámbitos de promoción cultural". 
Porén, a visión de María Fé Boix, vicedirectora da Feira do libro de Frankfurt, foi menos optimista sobre o momento actual da internacionalización da cultura galega: "Cando me convidaron a dar esta conferencia, o primeiro que fixen é ver no catálogo de da Feira do Libro de Frankfurt para ver como estaba a literatura galega. O resultado foi escasísimo comparando con outras literaturas minorizadas como o catalán ou o vasco".
Na primeira mesa redonda do día, o profesor Arturo Casas pediu "fuxir do curtopracismo" e das políticas efectistas. Para Casas, a internacionalización do libro galego precisa dunha aposta que vaia máis alá da atención a determinados eventos, poñendo como exemplos as experiencias de Estonia ou Irlanda. Finalmente propuxo facer fincapé no contacto cos centros galegos das universidades de fóra e no obxectivo de acadar unha presenza nos seus espazos editoriais, como fixo Cataluña.Nesta mesa, na que tamén participou o Director Xeral de Creación Cultural, Luís Bará, falouse dos proxectos de creación do Instituto Rosalía de Castro ou da Oficina do Libro, prevista na Lei do Libro, iniciativas aínda non desenvolvidas e polo que parece non previstas polo momento. A este respecto, Bará situou o nacemento do Rosalía de Castro na vindeira lexislatura e salientou o labor que a partir de  agora vai realizar a AGADIC como "organismo de apoio ás empresas no proceso de internacionalización" para os diferentes sectores, e tamén para o libro.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto