Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SIMPOSIO DA AGE

Os editores debaten como lanzar o libro galego ao mundo

O 13 e 14 de novembro o Consello da Cultura acollerá o encontro, no que participará o director do Instituto Ramón Llull, Josep Bargalló.

Redacción - 14:15 12/11/2008

A Asociación Galega de Editores (AGE) e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) organizan, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o V Simposio O libro e o mercado "O libro galego no mundo: presente e futuro", que terá lugar o xoves 13 e o venres 14 novembro en Santiago de Compostela. A asistencia é gratuíta.Mentras que o ano pasado o simposio se centrou no mercado editorial, este ano o grande protagonista será o libro galego no mundo, a súa situación no mundo actual e as súas posibilidades de cara á promoción exterior. Para iso contarase con importantes representantes das máis destacadas feiras internacionais do mundo da edición e profesionais do sector con ampla experiencia no exterior.

A vicedirectora da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, que vén de celebrarse do 15 ao 19 de outubro na cidade alemá e que é sen dúbida a cita editorial máis importante do ano a nivel internacional, será a encargada de impartir a primeira conferencia do simposio. Así, Mary Fé Boix falará do libro galego ante a Feira de Frankfurt. A continuación o Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, unha das editoriais galegas con maior proxección internacional e membro da AGE, relatará a súa experiencia persoal na promoción e venda do libro infantil e xuvenil no exterior. Outro destacado persoeiro no sector editorial español, o Director do Instituto Ramón Llull, Josep Bargalló, aportará xa pola tarde novos datos e características da presenza internacional da literatura catalá no mundo, grazas á xestión realizada dende o seu organismo para a promoción da lingua e culturas de Catalunya, que o ano pasado foi a cultura convidada na Feira Internacional do Libro de Frankfurt.

A xornada do xoves completarase con dúas mesas redondas, unha pola mañá e outra pola tarde. Na sesión matutina intervirán, a propósito da proxección internacional do libro e a literatura galega, o Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, o profesor de Teoría da Literatura da USC Arturo Casas, a profesora da Universitat de Barcelona Helena González e o lector de lingua e literatura galega en Stirling (Escocia) Xabier Cid. A outra sesión, centrada na experiencia dos editores galegos nas feiras internacionais, correrá a cargo de Carlos del Pulgar (Nova Galicia Edicións) e Francisco Villegas (Edicións do Cumio).

Programa do venres
A directora da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Bolonia, Roberta Chinni, falará xa na mañá do venres do mercado infantil e xuvenil dende a súa perspectiva, tema que se concretará na experiencia profesional tendo en conta as características da edición galega da directora de OQO Editora Eva Mejuto, editorial recoñecida con numerosos premios internacionais na literatura para os máis cativos.

A presenza internacional da mañá do 14 de novembro completarase coa mesa redonda "A lusofonía, un mercado para Galicia". Nela intervirán a responsable do Projeto APEX para a internacionalización da edición brasileira, Dolores Manzano, a responsable da Editorial Callis (Brasil), Miriam Gabbai, e o responsable do Programa de Bibliotecas Públicas e Comunitárias do Estado de Sao Pâulo, Jose Luiz Goldfarb.

Xa pola tarde, o Director Executivo da Federación de Gremios de Editores de España, Antonio María Ávila, falará das súas numerosas vivencias no mercado exterior representando o libro español. E para clausurar o V Simposio O libro e a lectura contarase nesta edición coa Directora para Europa da Feira Internacional do Libro de Guadalajara, Amelia Guardiola. Precisamente esa feira é a próxima cita profesional á que se desprazarán os editores da AGE con stand propio e que terá lugar do 29 de novembro ao 7 de decembro na cidade mexicana.


Ligazóns

4/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: