Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CARLOS REIGOSA, XORNALISTA E ESCRITOR

"Esa Transición tan sedutora convenceunos a todos de que eramos imprescindíbeis"

O lugués gañou o certame de narrativo convocado pola Deputación da Coruña coa novela 'A vida do outro'.

Marcos S. Pérez - 19:20 11/11/2008

O voceiro do xurado, Ángel Basanta, destacou a calidade literaria da obra de Carlos G. Reigosa e afirmou que o xurado decidiu por unanimidade premiar a novela "A vida do outro", que supón "unha recreación memorial da Transición española que é, ao mesmo tempo, novela xeracional, contada por un xornalista, fillo de galegos, cun testemuño moi completo da evolución política e social de España nos últimos corenta anos, e unha novela existencial cunha viaxe ao interior de si mesmo". O protagonista é un xornalista de 56 anos, director dun importante medio, un triunfador, que no momento en que sofre un pequeno ataque ao corazón, comeza a facerse algunhas preguntas sobre a súa vida.

Basanta subliñou que a novela "vista dende a óptica dun membro da xeración do 68, narra todos os feitos históricos importantes dende o tardofranquismo até actualidade", e acaba sendo "unha crónica persoal, a testemuña dunha inmensa decepción, de quen dedica a súa vida a contar as vidas dos demais". O autor, Carlos Reigosa, non está moi de acordo con esta interpretación do xurado: "Eu non vou discutir a valoración que fai o xurado, pero o certo é que intentei todo o contrario, quixen falar de como o proceso de Transición nos afectou a todos nós".

Segundo Reigosa, a Transición tivo "unhas virtudes extraordinarias, comezando polo feito de que nos convocou a todos, e de produciu un relevo xeracional. Esa Transición tan sedutora convenceunos a todos de que eramos imprescindíbeis, todos tiñamos unha imaxe moi positiva de nós mesmos, mirabámonos no espello e viámonos como 'conquistadores do ben común'". Porén, o autor tamén advirte de que ese poder sedutor funcionou "moi negativamente nalgúns momentos: Ese momento histórico chimpouse sobre nós, sobre a realidade de cada un, e embarcou a moitas persoas nunha carreira de éxito, na que quizais moitos anos despois moitos comezaron a preguntarse se non equivocaran o camiño. Un exemplo coñecido é Alfonso Guerra, que dixo máis dunha vez que el o que quería ser era director teatral. Isto é o que explica algúns dos procesos de desencanto que se produciron".

Xornalismo e literatura
Carlos Reigosa, xornalista e escritor, é ademais un moi interesado investigador sobre as fronteiras entre ambos os dous xéneros, unhas fronteiras que non ve tan permeábeis: "é absurdo que se pretenda colocar a fronteira entre xornalismo e literatura no carácter real ou ficticio dos feitos que contan. Esa fronteira nunca existiu: hai novelas que tratan sobre feitos reais e noticias inventadas". "Eu fago xornalismo cando, por exemplo, teño que escribir algo sobre EFE, e polo tanto teño que facelo baixo as pautas e formatos de EFE", conclúe. O xornalismo é moi importante neste libro, e de feito aparecen continuamente comentarios sobre o oficio e os medios. De aí o título: 'A vida dos outros', comenta Reigosa: "no xornalismo estamos continuamente contando a vida do outro". O xornalismo non só é fronteirizo coa literatura, senón con calquera forma de comunicación. Di Reigosa: "hai uns anos propuxéronme escribir unhas memorias, e cando cheguei a casa decateime de que non me sentía con forza para escribir sobre a miña vida, e que prefería escribir sobre a vida de outro".

Máis de catrocentos orixinais presentados

Á presente convocatoria do Torrente Ballester presentáronse un total de 404 orixinais, cen máis que na anterior edición, dos que 28 son en galego e os restantes 376 en castelán, procedentes dun total de 18 países. Nas vinte edicións do premio nun total de sete obtivo o galardón unha obra escrita en galego. Diego Doncel, con Socorro, fíxose co accésit do premio. O xurado, que concedeu o premio por unanimidade, estivo formado por Ángel Basanta, Rosario Canal, Amalia Iglesias, José Manuel Pacho Blanco (gañador da última edición), José Antonio Ponte Far, José Mª Pozuelo, e Mercedes de la Torre.


3,63/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: