Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
En Preferente Autonómica Norte

Un seareiro do Laracha ameaza cunha pistola un árbitro no campo do Vizoño

O colexiado parou o partido durante unha hora, mentres agardaba a chegada da garda civil de Sada. O suposto autor das ameazas foi localizado no seu domicilio.

Redacción - 12:00 11/11/2008
Unha imaxe dun encontro anterior entre o Vizoño e o Laracha

Unha imaxe dun encontro anterior entre o Vizoño e o Laracha

O árbitro coruñés Óscar Chouciño Landeira tivo que suspender, durante unha hora, o encontro que enfrontaba o Vizoño e o Laracha -partido de Autonómica Norte-, no campo do primeiro equipo, tras ser ameazado, cunha arma, por un afeccionado.

Segundo detallou Chouciño Landeira na acta do partido, un home achegouse a el no descanso, amosándolle "un cargador de plástico con varias balas", ao tempo que lle dicía, sinalando un dos proxectís: "esta é para ti, e non é unha brincadeira". Acto seguido, o suposto afeccionado do Laracha erguía o seu xersei para ensinarlle un "revólver negro", ao tempo que dicía: "este non é de mentira. Xa te collerei no coche". Ao momento, o colexiado demandoulle á directiva do club local, o Vizoño, a presenza da garda civil,e agardou pola súa chegada, co encontro suspendido. Cando chegou a patrulla, procedente de Sada -unha hora despois-, o árbitro describiulles o aspecto do home que o ameazara, e estes localizárono no seu domicilio, na Laracha. O suposto responsábel das ameazas é de orixe italiano, e non ten antecedentes penais, mais, segundo testemuñas presentes no campo do Pinar durante o encontro, non é a primeira vez que protagoniza este tipo de accións.

O Vizoño chegara ao descanso cunha vantaxe de 1-0 no marcador, despois de marcar Raúl un gol dende o punto de penalti, nunha pena máxima moi polémica para o banco do Laracha, que sinalou o colexiado Chouciño Landeira á media hora de comezar o xogo. Na segunda metade do encontro, despois da hora enteira que tiveron que agardar os xogadores nos vestiarios, o Laracha conseguiu darlle a volta ao marcador, chegando a un resultado final de 1-4.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: