Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A perigosa vida dun árbitro bravú

Domingo de entroido. Unha e media da tarde. Xabier Rodríguez, árbitro de Rexional Preferente, accede á Autovía do Noroeste por Betanzos e apura o seu vello Renault 21 en dirección a Carballo. “Xa estou afeito a comer cedo tódolos domingos”, comenta, “hoxe pola mañá pitei en Cambre un partido de cadetes [rapaces entre quince e dezaseis anos] e ás tres e media teremos que estar xa na terra da Virxe da Barca”. Xabier arbitra hoxe un Muxía-Laxe, encontro a morte entre dous equipos que loitan pola cabeceira da lista na liga de Terceira Rexional. Un artigo de Paco Seoane.

- 09:23 03/04/2002
Tags:

“E iso non é todo”, apunta, “onte tiven que pitar en Ordes a dous equipos infantís. Sómosche moi poucos nesta profesión e case non damos abasto”. Non lle falta razón. Segundo el mesmo me explica, na delegación da Coruña hai uns noventa árbitros para pitar uns douscentos partidos cada fin de semana. Pode tocarlles en sorte visitar calquera destino dentro da provincia: As Mariñas, a Costa da Morte, Ferrol, Pontedeume, Santiago, Ordes, Arzúa ou Melide. Outra característica, pois, que os emparenta cos cregos: ademais de vestir de negro e de oficiar os domingos, son poucos e están moi solicitados.

Ese mesmo día, ás cinco da tarde, xoga o Deportivo co Villarreal. Aínda así, Xabier espera que Arliña, o campo do Muxía, rexistre unha boa entrada. “O fútbol televisado e a mellora das comunicacións feriron de morte o fútbol modesto. Hoxe en día calquera pode coller o coche e ir ata Riazor ou prender a televisión do salón e deitarse no sofá mentres ve xogar o seu equipo favorito”. Pero para entender o alcance sociolóxico do fútbol afeccionado de antano, Xabier recoméndame un libro sobre a historia da Liga da Costa na que se narran os comezos do Baio, un equipo do concello de Zas que ten o estraño privilexio de ser a única formación do mundo que leva un faroliño vermello no seu escudo. Semella que os seus primeiros responsables tomaban con bo humor iso de ser os primeiros pola cola. E é que o fútbol da Costa da Morte xa non é o que era. “En Fisterra, alá polos anos cincuenta, os xogadores axudábanse das paredes dunha igrexa para facerse autopases e burlar así ós seus contrincantes”. ¿Que queda hoxe daquel fútbol bravú?

Rivalidade "de primeira"

A Costa da Morte é o lugar de Galicia onde a rivalidade entre os equipos de vilas contiguas ten máis sona. ¡E que rivalidade! Desde hai uns meses, e vistas as recorrentes agresións que padecían os árbitros por parte dalgunha afección pouco contenta co resultado do seu equipo, os partidos teñen que disputarse con forza pública (Policía ou Garda Civil) ou cun “corpo de orde”, formado por tres persoas do equipo local. Xabier confesa que nalgunha ocasión tivo que saír escoltado pola Garda Civil. “Non che é ningunha broma, sei de compañeiros que pasaron un par de semanas no hospital”. Derbys como o Corme-Ponteceso ou o Carnota-Lira merecen entrar na clasificación de “partidos de alto risco”. Afortunadamente, non tódolos encontros de fútbol rematan como as películas de Bud Spencer e Terence Hill.

Mentres percorremos o flaxelante trazado da comarcal 552 en dirección a Muxía, deixamos ás nosas beiras algún que outro exemplo de feísmo urbanístico, resaltado polo contraste cos fermosos hórreos de pedra que salfiren a comarca de Bergantiños. Sorpréndenme os coñecementos de Xabier sobre cada unha das vilas que atravesamos. De tanto viaxar, os árbitros convértense en excelentes guías turísticos.

Pasamos por Coristanco, “a capital mundial da pataca”, Baio “a porta grande da Costa” e, á altura de Vimianzo, Xabier responde á miña curiosidade por coñecer os mecanismos de promoción arbitral. “Subir de categoría é unha aventura moi parecida á dunha oposición. Hai que pasar multitude de obstáculos: informes de campo, probas físicas, exames de estatutos e regras de xogo, tests culturais... ¡ata un exame de redacción de actas!”. Ser un xuíz sobre o terreo de xogo obriga a ter unha idea clara sobre o que hai que facer ante calquera suceso, e nun campo de fútbol pode acontecer de todo. “As preguntas dos exames sobre regras de xogo son do máis peregrinas. ¿Que tipo de sanción hai que aplicar se un xogador prende un cigarro durante o partido? Libre indirecto e cartón amarelo. ¿E se un defensa decide usar a súa caneleira para parar un gol? Penalti e expulsión; a caneleira considérase unha prolongación da súa man”. Resulta difícil reprimir a gargallada ante semellantes supostos.

Os montes de granito e os aeroxeradores dos parques eólicos -“virandelos” na linguaxe popular-, recíbennos en Muxía. Antes de presentarse no campo de xogo, Xabier decide visitar de novo o santuario de Nosa Señora da Barca, coa súa famosa pedra de abalar. Mentres subimos, o impresionante faro do Cabo Vilán vixíanos desde a distancia. As ondas do mar, impulsadas polo vento, baten con forza nas rochas. ¿Un presaxio do ambiente que agarda no campo?

Unha profesión de alto risco

“Antes do partido sempre tomo un café nun dos bares da zona”. Boa superstición. Entramos nun café-bar de mariñeiros, ambientado polo seseo e a gheada característicos da zona. Xabier colle un exemplar de La Voz de Galicia. A edición local ponlle título ó encontro: “Muxía-Laxe, duelo sin concesiones”. O dominical recolle unha reportaxe dedicada a aquelas profesións que requiren traballar entre insultos. Por descontado, aparecen declaracións dun árbitro, as do ourensán Bernardino González, colexiado da Primeira División. “A arbitraxe é o colectivo necesario no fúltbol para que os demais se escuden nas súas propias incapacidades”. Que razón ten Bernardino. No bar destaca, entre os anuncios da confraría de pescadores de Muxía, un cartel da peña deportivista “O Corvo”. Ave de mal agoiro. Só lles faltaba pendurarlle un faroliño vermello do pescozo.

Xa é hora de marchar cara ó campo. Arliña, a casa do Muxía, atópase a uns cantos metros da costa. Nos días de mar bravo, xuraría que as pingueiras de auga salgada son quen de superar a cobertura das bancadas que, a xeito de muro de contención, danlle as costas ás rochas esculpidas polo salitre. Do lado de en fronte, onde están os bancos dos equipos, unha pendente duns corenta e cinco graos erixe outro muro de contención, pero esta vez o invasor non é o mar, senón un vertedoiro de lixo moi concorrido polas gaivotas.

O primeiro destino dun árbitro unha vez chega ó campo é, por descontado, o vestiario. Alí recibe os delegados e os capitáns de cada equipo, que lle entregan as fichas de cada un dos xogadores e o informan de que cor van vestir. O delegado do equipo local é ademais o delegado de campo, principal responsable da seguridade do colexiado. Como non hai Garda Civil, tres rapaces preséntanse ante o árbitro como os integrantes do “corpo de orde”. Nun partido de tanta rivalidade, tódalas prevencións son poucas. Xabier comproba as fichas dos xogadores, apunta os seus nomes na acta, vístese de faena e fai os primeiros quecementos. Todo está a punto. Antes, un último repaso ó peto da camisa: cartolinas vermella e amarela, lapis... e a única arma que é capaz de deter o xogo: o chifro. Del pendura unha pequena imaxe do Che Guevara. Dubido que semellante abelorio sexa regulamentario, pero supoño que o mellor patrón dun árbitro non pode ter outra profesión que a de guerrilleiro.

E comeza o encontro

Catro e cuarto. Comeza o encontro. O chiringuito contiguo ós vestiarios, con barra de mármore e transistor incorporado, comeza a servir os primeiros cafés (de pucheiro, por suposto). Vai aire e frío. O mellor sitio para seguir o partido son as bancadas, nas que preto de medio cento de persoas dan forma á afección máis heteroxénea do mundo. Están os vellos raposos, de dous tipos: os que falan para si e fan preguntas retóricas, e os que comentan co compañeiro as xogadas, discutindo o efecto do vento na traxectoria dos lanzamentos e dos pases. Está o rapaz do tambor, que se confesa irmán do dorsal número dous do Muxía, máis coñecido como o Claudio. Ó seu lado un grupo de mulleres e rapazas corean os berros de ánimo para o equipo local. Son as máis activas das bancadas, tamén á hora de insultar ó árbitro. Identifícanse como a peña “Corviños-punto-com”. Asegúranme que os rapaces do Muxía están a liña e non probaron o cocido do entroido. Mágoa, ¡co ben que veñen as calorías do lacón e da cachucha para tornar o frío! A carón das corviñas sentan uns cantos adolescentes. Seguro que máis de un é irmán dos gladiadores muxiáns.

O encontro non empeza ben para o conxunto local. Marca o Laxe no minuto dez. Volvo a ollada para as bancadas. Entre os espectadores, dous chaman poderosamente a miña atención. Un é un rapaz disfrazado de Napoleón. O outro é un napoleón disfrazado de adestrador. Trátase de Juan, alias “Papi”, que case desde o primeiro minuto apunta a Xabier como o responsable dunha presunta estafa arbitral. Sorte que empata o Muxía no minuto vintecinco. Vestidos de vermello, os locais parecen os diaños de Manchester. O Laxe, acurralado, encaixa o segundo gol. Bourea o tambor, rechouchían as corviñas.

Segundo tempo. A vantaxe do Muxía non contenta a Papi. Hai entradas duras. Reclama cartón. O público corea o “Escándalo” de Raphael. Papi, expulsado no descanso, volve cargar contra Xabier desde as bancadas: “¡Árbitro, que burro es! ¡Así che vai, que estás en Terceira Rexional!”. O mesmo argumento se podería esgrimir en contra do Muxía, pero non me atrevo a sinalalo. Sucédense os insultos, o Laxe recompón a súa defensa, o Laxe saca de falta, o Laxe aproveita o rebumbio na área e... o Laxe empata o partido. Final.

Medo escénico

Xabier, acompañado do “corpo de orde”, apura o paso cara ós vestiarios. Unha morea informe de seareiros exaltados, encirrados por Papi, conseguen acurralar o árbitro e a súa comitiva no vestiario visitante. Unha voz apela á razón. “¡Non fagades parvadas! ¿Que queredes, que nos clausuren o campo?”. Os ánimos cálmanse. Xabier consegue entrar no seu vestiario pero aínda hai algún descontento que promete guerra á saída. Dentro da súa particular trincheira, o colexiado redacta a acta: tres tarxetas amarelas e dous expulsados: Papi e un xogador do Muxía que lle prometera que non ía saír vivo de alí. Cans ladradores case nunca traban, pero non convén tentar a sorte. Xabier pídelle ó delegado de campo que chame á Garda Civil. “Sentímolo, pero non temos ningunha patrulla dipoñible”, responden desde o cuartel, a medio quilómetro de distancia.

Por sorte para o árbitro, ós dez minutos xa case non hai ninguén fóra dos vestiarios. Xabier acepta saír escoltado polos tres representantes do equipo local, ós que se suma Papi. Moito máis calmado, o adestrador do Muxía busca explicacións á que considera unha funesta actuación arbitral. “¡Se tes medo é porque o fixeches mal!”, berra. Ó non obter resposta, Papi abandona o “corpo de orde”, que acompaña a Xabier ata o seu carismático Renault 21. É dentro do coche cando teño a sensación de que verdadeiramente rematou o partido. E abofé que Xabier debe pensar o mesmo.

¿O Bernabeu? ¡Bah! Arliña. ¡Alí si que hai medo escénico!


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: