Nunha conferencia de prensa, e a preguntas dos xornalistas, a conselleira afirmou que o labor de Carlos Amoedo foi "máis que satisfactorio".
No día seguinte do cese de Carlos Amoedo como Secretario Xeral da Consellaría de Cultura, e a súa substitución por Xosé Carlos Sierra Rodríguez, Ánxela Bugallo realizou a súa primeira valoración da decisión tomada. A titular de Cultura restou importancia ao cambio, enmarcándoo dentro dunha "reestruturación normal do equipo", do mesmo xeito que ao longo da lexislatura se realizou noutras consellarías, "en máis da metade", destacou, e concluíu afirmando que a auténtica noticia é o nomeamento de Sierra Rodríguez, non o cese de Amoedo.
Ánxela Bugallo destacou que Amoedo veu desenvolvendo nos últimos tres anos un traballo "de moita responsabilidade", e afirmou que o seu labor foi "máis que satisfactorio". Porén, engadiu que a decisión de substituílo baséase en que "para a seguinte fase" da xestión da consellaría confía no secretario xeral, Sierra Rodríguez. Bugallo restou importancia así mesmo ao feito de que o nomeamento chegue a poucos meses das eleccións: "coa aprobación dos orzamentos ábrese unha etapa final na que se considerou que era importante realizar un cambio".
Preguntada polos xornalistas por algúns dos ruxe-ruxes que nas últimas horas barallaron outras posíbeis razóns para o cese de Amoedo, por exemplo a participación da empresa privada na Fundación Cidade da Cultura, Ánxela Bugallo non quixo facer declaracións en base a informacións que non tiñan orixe en "fontes oficiais".