O novo responsábel era até agora delegado en Ourense do departamento que dirixe Ánxela Bugallo.
O novo secretario xeral (esquerda) e o saínte (dereita)
Xosé Carlos Sierra Rodríguez foi nomeado polo Consello da Xunta novo secretario xeral da Consellaría de Cultura e Deporte. Sierra substitúe a Carlos Alberto Amoedo Souto, que foi, asemade, cesado.
O novo secretario xeral, nado en Pontevedra en 1950, é museólogo e está especializado en patrimonio etnolóxico e antropolóxico. Desde 1993 foi director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, patrono da Xunta Reitora do Museo do Pobo Galego e membro da sección de Antropoloxía do Consello da Cultura.
Sierra Rodríguez é autor de máis de 60 publicacións sobre temas etno-patrimoniais e dirixiu o proxecto do Museo Galego do Viño, que terá sede en Ribadavia. Até agora ocupaba o cargo de delegado en Ourense da Consellaría de Cultura e Deporte.