06h00: Obama fala diante de centos de milleiros de persoas en Chicago. Emoción entre os seus seguidores. O novo presidente di que estas eleccións van cambiar América. Por riba de diferenzas raciais, Obama sinala que se abre unha nova etapa. Lembra os traballadores que apoiaron a candidatura nos inicios, "cando ninguén cría na candidatura". Levanta a bandeira dos antepasados que sufriron a discriminación racial.
05h20: McCain recoñece, dende Phoenix, a vitoria de Obama. Nun discurso sen medias tintas, o líder republicano sinala que Obama merceu a vitoria. Sinala que é un día moi especial para os afroamericanos. MacCain ofréceselle para axudar en todo o que sexa preciso para esta nova etapa política. Asume a derrota na súa persoa. Agradece o apoio de Sarah Palin, que uns metros mais atrás segue o discurso con ollos vidrosos.
05h00: O delirio chega ás filas demócratas. Estoupa a festa. Os demócratas non teñen dúbidas a vitoria xa está aquí. É a hora da festa. Chicago agarda o discurso do novo presidente.
04h40: Nestes momentos case ninguén dubida de que os EUA van ter o seu primeiro presidente negro. Se nada se torce, e cada vez o camiño está máis achanzado, Obama falará en Chicago, onde centos de milleiros de persoas agardan o seu discurso de vitoria. O cambio parece imparábel,
03h20: Obama avanza na madrugada cara a Casa Branca. Non está nada pechado, pero os datos a esta hora da noite apuntan un gañador. Incluso en Virxinia, un estado tradicionalmente republicano, con 68% do voto escrutado, a vantaxe de MacCain é só dun punto. Dato revelador?
03h05: Prognóstico para o estado chave de Pennsylvania, onde as proxeccións falan de vitoria demócrata.
03h00: Hai catro anos, fronte a George W. Bush competía John Kerry na beira demócrata. Kerry recuncará desta volta no Senado, onde neste momento consegue unha ampla maioría sobre Jeffrey Beatty na rifa polo asento de Massachusetts.
02h45: Confirmaríase a predicíbel viraxe no Senado, os demócratas rabuñan tres asentos até o de agora en poder dos republicanos.
02h35: O reconto reflicte unha estreita igualdade. Neste momento da noite: Obama 7,29 millóns de apoios e McCain 7,27 votos.
02h20: Á luz dos primeiros datos a CNN adxudícalle 77 votos electorais a Obama e 34 a McCain. O Washington Post apunta un 66 - 23. Dúas tendencias chave: a incerteza de Ohio e Florida resolveríase co bando demócrata como vencedor. Prognóstico de vitoria final?
02h00: A noite avanza máis a modiño do agardado. De momento, os resultados son apenas anécdota. Kentucky e Vermont xa ofrecen tendencia clara. No primeiro caso vitoria para McCain, 8 votos electorais, e no segundo 3 para Obama. Sen sorpresas.
01h35: Primeira tendencia clave. Florida, unha das chaves da Casa Branca, inicia o reconto cunha clara vantaxe de Obama. Nesta altura da noite o de Illinois apaña o 54% fronte ao 34% de McCain.
01h20: McCain gaña en kentucky e Obama gaña en New Hampshire e Indiana. Porén, o republicano gáñalle 8 a 3 en votos electorais ao demócrata. Isto é só un aperitivo.
00h45: O voto da diáspora non é so conflitivo en Galiza. A polémica xa está a chegar aos USA cando están a pechar os primeiros colexios. O republicano McCain vén de presentar unha queixa formal porque algúns dos votos dos soldados que están destinados no estranxeiro non chegaron a tempo. A falta de Xunta Electoral, o candidato republicano xa pediu amparo á Corte Federal.
22h55: A expectación é enorme. Segundo se van achegando as horas decisivas, os medios de comunicación de todo o mundo dan por feito de que estamos a piques de vivir un acontecemento histórico. A estas horas, a febre Obama espállase polo mundo pero hai voces que chaman á reflexión e que lembran que a noite (a madrugada) vai ser moi longa. En EUA, as familias únense arredor dos televisores como se dun acontecemento deportivo se tratase. A pelota está no ar. Aquí estaremos con vostedes.
19h35: Se antes lles contabamos que parentes e seareiros kenyatas de Obama lle pegan duro ao rezo a prol do senador, agora amosámoslles a estampiña de
John McCain coa Virxe de Guadalupe. Repártenas activistas hispanos do Partido Republicano no estado de Nevada. Na beira de atrás levan unha pregaria especial que pide pola vitoria de McCain.
19h30: O segundo mapa no
Daily Kos. Hai un par de anos unha sondaxe incluía entre as variábeis analizadas a hipótese de que os candidatos presidenciais foran Barack Obama e John McCain. Preguntáronlle a 30 mil cidadáns, 600 por estado, a quen votarían. O resultado é o mapa seguinte: Obama só era apoiado no estado onde vive, Illinois; no de nacemento, Hawaii; e no de Columbia.
19h25: O
Daily Kos, unha das bitácoras de referencia da beira demócrata, publica un par de mapas que vos convidamos a mirar. O primeiro "Azul a través de América", especula se sería posíbel cruzar os Estados Unidos dun extremo ao outro sen pasar por solo de maioría republicana.
19h15: A variedade de
sistemas de voto diferentes que se usan nos Estados Unidos ten dado que falar. Pantallas electrónicas, sistemas de lectura óptica, papeletas tradicionais. Ás portas dos comicios de 2004 chegouse con polémica polos buratos de seguridade atopados en diversos modelos de máquinas de votación das usadas.
Velaquí unha imaxe tirada da BBC:
19h00: "Como non vou saber de política internacional se desde a fiestra da miña casa vexo Rusia". Frase da polémica candidata do Partido Republicano a vicepresidenta dos EUA,
Sarah Palin. Velaí a súa vila natal,
Wasilla, en Alaska, onde foi Miss e onde poucos anos despois deu o salto á política, sendo alcaldesa durante seis anos.
18h45: Camioneto circulando por unha estrada de
Kenya con imaxe de Obama. Foto tirada da
Fox News
18h35: Brincadeira en
The Onion, os que xa fixeran o vídeo onde Obama era representado como
bolseiro ao servizo de Rodríguez Zapatero tomando notas nunha xuntanza con Ibarretxe. Agora, The Onion fai chanza sobre o voto electrónico e publica a nova titulada '
As máquinas escollen a unha delas como nova presidenta': Obama 122; McCain 68; DRE 259.
18h25: Desde a terra natal da familia paterna de Obama
contan das festas e rezos a prol do candidato demócrata. "A oración é a clave para a vitoria", cóntalle á prensa un crego local.
18h15:
Carta de Fidel Castro sobre a xornada electoral nos Estados Unidos: "Moitas das mellores intelixencias do planeta son sustraídas dos seus países de orixe e postas ao servizo do sistema. [Os EUA] É un imperio parasitario e saqueador. (...) [Obama] É sen dúbida máis intelixente, culto e ecuánime que o seu adversario republicano. (...) Ao pobo de Estados Unidos preocúpalle máis a economía que a guerra de Iraq. McCain é vello, belicoso, inculto, pouco intelixente e sen saúde"
18h00: Contámoslles dos outros candidatos, os que non saen apenas na foto. En primeiro lugar,
Ralph Nader, avogado e activista á beira de diferentes causas sociais que gañou relevancia sobre todo polo seu traballo a prol dos dereitos do consumidor. Anteriormente ten sido en varias ocasións o candidato do Partido Verde. Desta volta preséntase como independente. Outro aspirante no que os focos reparan pouco, aínda que desta volta no outro extremo do espectro ideolóxico é
Ron Paul, quen competiu no seu momento pola candidatura do Partido Republicano e decidiu posteriormente continuar por libre na carreira electoral.
17h45: O termómetro económico de
Wall Street abría este martes subindo un 1,43%. Contra as 17h45 o incremento do índice do Dow Jones chegaba ao 2,34% e o mercado do Nasdaq chimpaba un 2,80%.
17h35: A prensa dos EUA recolle a anécdota da pequecha parroquia de
Dixville Notch, onde
de 21 votantes un total de 15 elixiron a papeleta de Obama. Hai catro anos, os veciños do lugar escolleran por maioría a George W. Bush. Levaban corenta anos apoiando o Partido Republicano. No mesmo estado, no recanto de Hart's Location, 10 dos 17 votos foron tamén para o demócrata.
17h30: Na altura das cinco da tarde, hora galega, practicamente a totalidade dos colexios electorais abriran xa a porta. As imaxes ofrecidas pola prensa dos EUA de longas ringleiras de electores agardando desde primeira hora a quenda de voto confirmarían o
prognóstico de récord de participación. Barack
Obama votou en Chicago e John
McCain fíxoo en Phoenix. A diversidade de sistemas de votación de momento xa foi noticia pola avaría das máquinas de voto electrónico en colexios de New Jersey onde tiveron que recuperar urnas e papeletas tradicionais.