O recinto acollerá en novembro, e cun 90% menos de expositores, a edición adiada en maio. Desde o sector agrogandeiro critican o desinterese e a falta de estratexia da Xunta.
Aseguraba este xoves en Silleda o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, que a Feira Internacional Semana Verde manterá en 2008 o volume de negocio conseguido en edicións anteriores. Un prognóstico complicado de crer na actual conxuntura económica e á luz da propia cifra de expositores avanzada apenas dúas semanas antes do inicio do evento: sobre 200 confirmados, arredor do 10% do total da anterior cita en Silleda.
Alén do que finalmente aconteza, Méndez Romeu repetiu unha vez máis a promesa de "nova xeira" para o recinto do Deza. Unha promesa de punto de inflexión que a Xunta vén reiterando desde o cambio de goberno en 2005 e que agora Romeu apraza unha vez máis, desta volta a 2009, prevendo que a designación do novo director xeral do ente marque "un antes e un despois". O acordo para o proceso de nomeamento da persoa que relevara a Xosé Maril á fronte da Semana Verde foi de feito o asunto principal da xuntanza do Padroado.
Sen nada novo e camiñando nunha "falsa transición"
Explicou Romeu que o próximo director xeral debería ser nomeado a mediados de decembro, coa fin dos traballos do plano de viabilidade, e atribuíulle a este o liderado estratéxico da Fundación. Será esa persoa "quen marque as liñas de traballo, tipo de feiras e calendario a fixar", afirmou o conselleiro.
Tal planificación permanece de costas ás preferencias do sector agrogandeiro, desde onde diversos axentes sociais teñen expresado a súa recomendación de que sexa a Consellaría do Medio Rural a que asuma a pilotaxe deste organismo. Tampouco se atende a demanda de apertura dun proceso realmente ambicioso de redefinición onde se lle dea voz ao sector para converter o recinto de Silleda en escaparate non só referente senón tamén dinamizador.
Así o analiza por exemplo Marcos Louzao, do Sindicato Labrego Galego (SLG), quen critica que "todo queda como estaba" e entende que a Consellaría de Presidencia pon de manifesto que "non lle interesa darlle pulo ao proxecto". "Esperamos un iluminado que nos diga que facer?", ironiza Louzao ao respecto do cambio na pilotaxe de Maril, recordando ademais que a indemnización outorgada "a un señor que xa cobraba 10 mil euros por ano" é un episodio máis da galería de desprestixios dun proxecto "en creba".
Outros catro anos perdidos
"Non está cumprindo a función socioeconómica que debería ter", explica o representante do SLG. Unha reflexión que comparte Francisco Bello, secretario xeral de Xóvenes Agricultores (XXAA), quen salienta a capacidade que tería un recinto no que se investiron moitos cartos "para ter unhas instalacións modernas e adaptadas aos novos tempos" para converterse en escaparate e dinamizador do sector en Galiza. "Terá que servir para algo máis que examinar opositores", coinciden en apuntar Louzao e Bello.
Na opinión de Louzao non existen motivos para que a Xunta siga renunciando a xuntar os axentes sociais e económicos e redefinir a iniciativa para poñela "de verdade" ao servizo do rural do país. Da mesma idea é Francisco Bello, secretario xeral de Xóvenes Agricultores (XXAA), quen se queixa da falta de contacto do Goberno neste asunto e advirte da urxencia de abrir a Semana Verde ao sector "cun debate serio onde se fixen con claridade os criterios sobre o que se quere facer".
Bello propón que se lle dea voz non só ás formacións sindicais agrarias, senón tamén a concellos, cooperativas e todos aqueles actores capaces de achegar ideas para a redefinición da iniciativa. Ao fío, insiste na incapacidade do Goberno para artellar unha estratexia real no ámbito das feiras sectoriais, laiándose de que se enchese o país de "micro-recintos" sen unha definición clara de obxectivos. O líder de XXAA lamenta o "tempo perdido" e subliña que o medio rural do país non está para "luxos e desbaldimentos" como os acontecidos coa Feira. "Todos ven isto como unha pataca quente e non houbo un interese verdadeiro por entrar ao fondo da cuestión", indica.