Pesca estudará se lle reclama as subvencións concedidas a empresas do sector da acuicultura como Stolt Sea Farm, que despediu recentemente até 20 empregados.
O mantemento do emprego e as condicións laborais "dignas" dos traballadores son presuntas claves a garantir para a autorizacións dos proxectos no sector, que conta con importantes inxeccións de cartos públicos. Así o subliñou este xoves o director xeral de Estruturas e Mercados da Consellaría de Pesca, Xosé Manuel López Rodríguez, quen recoñeceu que, así e todo, a xeración ou non de postos de traballo alén de ser valor non exclúe as empresas da posibilidade de recibiren as subvencións.
Deste xeito, López Rodríguez asegurou que o Goberno controlará as axudas recibidas polas empresas e comprobará se os despidos realizados por Stolt Sea Farm incumpren co acordado. En último caso, o responsábel da consellaría expuxo que a Xunta resérvase o dereito de "reclamar" as subvencións concedidas. Segundo admiten desde Pesca, esta empresa recibiu desde 2001 un total de 13,8 millóns de euros, concedidas con fondos procedentes de distintos ámbitos, a Unión Europea incluída.
A explicación realizouna o director xeral en resposta ao deputado nacionalista Bieito Lobeira, quen o interpelara sobre o despido nos últimos tempos por Stolt Sea Farm de até 20 traballadores en Galiza. Recordoulle Lobeira que a concesión das axudas vai unida a, cando menos, cinco anos de mantemento dos empregos creados, polo que non habería dúbida do incumprimento. Despedimentos "inxustificados", en opinión de Lobeira, quen lembrou os 117 millóns de euros de beneficios obtidos o último exercicio pola empresa.