Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VOLTA ÁS ORIXES

Este ano en San Teleco non haberá botellón

A programación, presentada na Universidade de Vigo, inclúe música tradicional e doazón de sangue.

Redacción - 13:15 02/11/2008
Pregón de San Teleco 2002 / Flickr: Theefrit

Pregón de San Teleco 2002 / Flickr: Theefrit

O San Teleco deste ano será diferente: unha festa de "convivencia", sen "masificacións" e "en ningún momento será un macrobotellón". O director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, Xosé María Pousada, e a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María do Carme Cabeza, presentaron o programa de actos deste ano, que terá como día central a quinta feira 6 de novembro.

O obxectivo é recuperar a tradición do evento, co que se pretende suprimir o botellón. Para contrarrestalo, potenciarase a parte sociocultural da festa, promoverase o seu lado solidario, con iniciativas como a doazón de sangue, e actuarase sen ánimo de lucro.

Un dos estudantes organizadores, Vicente Vázquez, lembrou que a festa se celebra dende 1985 e que "en ningún momento se pensou como un macrobotellón", aínda que nos últimos anos "foi dexenerando". Despois da alarma social que se creou na edición de 2007, con casos de consumo de alcol por parte de menores, os estudantes decidiron "recuperar" a idea de festa de convivencia.

Para empezar coa transformación, o recinto trasladarase dende a Praza Miralles, onde se celebraba San Teleco dende 2004, ao seu emprazamento orixinal, as proximidades da escola. Alí instalaranse, o 6 de novembro, carpas con comida típica, amenizadas con música tradicional e afastadas das masificacións dos concertos das últimas edicións. De feito, o lema deste ano será "de telecos para telecos". Segundo a vicerreitora, a refundación da festa foi polos "propios interesados", que viron que o botellón non era "o tipo de festa que querían".

Programa de San Teleco 2008
Os actos xa comezaron esta semana, con competicións deportivas, de xogos de cartas e de videoconsola. Tamén se rescatará, o día 4, a actividade "O club da comedia", ás catro da tarde. O día 5 haberá teatro, un concerto de Struglers e a proxección dun documental sobre Neil Young. Paralelamente, ofrecerase a posibilidade de doar sangue durante a semana.

O propio día de San Teleco haberá unha conferencia sobre o acelerador de partículas LHC, ás dez da mañá. Chegará despois a procesión do Meco e a lectura do pregón, a cargo dun monologuista. Logo, entregaranse os premios dos gañadores dos torneos e comezará a xornada de convivencia con música tradicional, que pechará ás cinco da tarde.

En calquera caso, xa na edición do ano 2007 se tentara desligar a festa do macrobotellón.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: