Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crise no sector

A nosa flota, en perigo de extinción

Galiza perdeu nos últimos oito anos tres mil embarcacións pesqueiras. Mentres, neste 2008 a Xunta recibiu 151 solicitudes de desmantelamento.

Redacción - 17:25 29/10/2008

14 millóns de euros. Este é o crédito co que conta a Consellaría de Pesca para subvencionar o desmantelamento das embarcacións galegas. Son as axudas que se tramitan con cargo ao novo Fondo Europeo de Pesca 2008 – 2013, que substitúe ao anterior Instrumento Financeiro de Orientación de Pesca (IFOP), e que non conta co total apoio da Xunta de Galiza.

No que levamos de ano, un total de 151 embarcacións da nosa flota solicitaron xa estas axudas que desembocan na paralización definitiva da actividade. Para recibila, a Xunta exixe aos buques condicións entre as que se atopan estar en activo, ter unha antigüidade mínima de dez anos, estar ao corrente das obrigas tributarias e estar incluídos nos plans estatais de desmantelamento ou na xestión e recuperación de determinados recursos, como o caso da pescada, a cigala ou o fletán. Ademais, teñen que xustificar que o seu gasto en combustíbel supón o 30% dos seus custes totais. As axudas van dende os 11.500 euros por cada tonelada de arqueo bruto (GT) máis un fixo de 2.600 euros para os buques con menos de 100 GT's até os 1.250 euros por GT e un fixo de 926 mil euros para os barcos de máis de 500 GT's.

Desmantelamento da flota
En Galiza contamos con case 5 mil embarcacións, se ben é certo que, segundo as estimacións do BNG, nos últimos oito anos desapareceron 3 milleiros de buques. A Consellaría de Pesca, en principio, oponse a este abandono dos barcos, e anunciou un "estudo exhaustivo" de todas as solicitudes que se reciban ao amparo deste plan promovido pola Unión Europea. Así o anunciou Carme Gallego na última Comisión de Pesca do Parlamento, onde apostou pola modernización dos barcos e pola busca de novos recursos.

No mesmo sentido se manifestou o director xeral de Estruturas e Mercados da Xunta, Xosé Manuel López Rodríguez, quen adiantou que un terzo dos armadores de altura galegos (unhas 220 embarcacións) poden acollerse a estas subvencións, se ben hai que ter en conta que teñen que cumprir os requisitos. Con todo, non considera necesario este paso dos armadores cara ao total abandono, xa que entende que a actual crise pesqueira, agravada pola escaseza de recursos e o custe do combustíbel, é conxuntural.


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: